Parlamento Galego

BNG esixe explicacións sobre as conexións do Goberno do PP na Xunta coa trama de tráfico de influencias de Montoro

Noa Presas

Noa Presas, sobre a adxudicación de case 173.000 euros a Equipo Económico: “Queremos ver todos e cada un destes contratos, letra a letra”

Lembra que a consultora traballou na reestruturación de NCG Banco e reclama saber se algún dos informes encargados tivo que ver coa “malvenda” das caixas   

O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas para exixir á Xunta que “explique e transparente” de xeito inmediato as conexións do Goberno do PP coa trama de tráfico de influencias de Equipo Económico, a consultora fundada polo ex ministro de Facenda do Executivo de Rajoy e que está a ser investigada por un xulgado de Tarragona.

“Queremos ver todos e cada un dos contratos asinados, letra a letra para poder examinalos”, asegurou a deputada e portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, que cualificou de “gravísimas” as informacións coñecidas nos últimos días a través de Eleconomista.es que apuntan que Equipo Económico declarou uns ingresos de case 173.000 euros dun pagamento efectuado presuntamente pola Xunta de Galicia.

Criticou, neste sentido, que até o momento a Xunta non ofreceu máis información que “desculpas xenéricas” por este contratos e dos que o BNG reclama coñecer “as datas, as contías, os conceptos e a tipoloxía”, unha petición que se xustifica na gravidade dos feitos que se están a investigar, unha rede de influencias para impulsar modificacións legais ao servizo de empresas gasísticas e obter beneficios económicos a cambio.

O xulgado encargado deste caso investiga a Montoro e outras 27 persoas, así como a seis empresas por delitos de subornos, fraude e administración pública, prevaricación, tráfico de influencias, corrupción nos negocios e mesmo falsidade documental, lembrou Presas, para subliñar, neste punto, a serie de “indicios graves” que inciden no que o BNG leva anos denunciando: as conexións do PP co lobby enerxético, o uso de recursos públicos para practicar “capitalismo de amiguetes” e a “fraude democrática que supón que tomen decisións sobre o poder lexislativo quen non se presenta as eleccións directamente,  leis impulsadas polo PP que favorecen ao IBEX 35”.

“Isto é o que explica as portas xiratorias co lobby enerxético como xa vimos non noso País con Ence u Greenalia”, destacou a deputada nacionalista, demandando o Executivo presidido por Rueda que aclare por que informes pagou a Equipo Económico, por que non se encargaron a persoal funcionario público ou a organismos como o CES, “e que impacto tiveron na vida económica galega”.

Explicacións sobre “recursos públicos” que teñen que darse con urxencia máis tendo en conta que “nestes anos pasaron moitas cousas na vida económica deste País e que se aprobaron normas determinantes”, dixo aludindo ás leis de disciplina orzamentaria e orzamentos, á nova do eólico, ás que afectaron o urbanismo, a regulación industrial ou a baixada de impostos e o modelo de financiamento lesivo para Galiza.

“Hoxe calquera lei económica aprobada polo PP ten a sospeita de ter sido influída”, advertiu, para considerar “ridícula” a explicación da Xunta de que nos anos 2009 e 2011 Cristóbal Montoro non era aínda ministro. “Non era un descoñecido nin un ninguén, senón un peso pesado do PP desde os anos noventa”, engadiu para recordar que o agora investigado foi, entre outros cargos, deputado nas Cortes durante 8 lexislaturas, secretario de Estado de Economía e ministro con Aznar antes que con Rajoy.

Presas salientou así mesmo as conexións entre os gobernos presididos polo agora líder do PP no Estado e o ex ministro e recordou que a ex conselleira de Facenda e “responsable directa do fiasco das caixas galegas de aforro”, Marta Fernández Currás, foi nomeada secretaria de Estado de Orzamentos de Montoro “cando Feijóo non podía soportar máis a presión mediática por tela no seu equipo despois de tal fracaso”.

De romaría con Escotet

Precisamente, o BNG reclama a documentación dos contratos con Equipo Económico tamén para coñecer se algún deles “tivo que ver coa bancarización e a malvenda das caixas galegas”. Cando se procedeu á reestruturación de Nova Galicia Banco, con Feijóo gobernando en Galiza e Rajoy no Estado, Equipo Económico elaborou informes técnicos para sustentar o expediente de regulación de emprego e de despedimentos colectivos de NCG, “daquela o maior ERE por parte dunha empresa galega, que afectou a case 2.000 traballadoras e traballadores”, explicou.

Presas, que denunciou máis unha vez a conxelación desde o ano 2013 da comisión das caixas no Parlamento e o veto do PP á investigación e a que se coñezan os detalles  dun proceso no que os populares actuaron como “cómplices”,  orescate por máis de 9.000 millóns de euros de NCG e a posterior adxudicación por pouco máis de 1.000 millóns de euros a Banesco, que ao seguinte ano xa obtivo máis de 400 M€ de beneficios.

“O Partido Popular está máis ocupado de estar en romaría esta fin de semana co señor Escotet que de transparentar os contratos coa empresa de Montoro”, concluíu.