BNG esixe a Educación que poña fin á discriminación salarial do profesorado especialista de sectores singulares da FP

Fernández Davila considera “de xustiza” equiparar as retribucións deste colectivo ás do resto de docentes porque “no día a día” fan o mesmo traballo 

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento, Cristina Fernández Davila, defendeu na Comisión 4ª unha iniciativa para esixirlle ao PP na Xunta que poña fin á “discriminación” salarial que están a sufrir os profesores especialistas de sectores singulares da FP malia que “no día a día” asumen as mesmas tarefas que o resto de docentes de ciclos formativos.

Hoxe en día nos centros de FP conviven tres tipos de profesorado con situacións administrativas e económicas diferentes. Por unha parte, o profesorado técnico con titulación universitaria que se integrou no corpo de Secundaria (A1); por outra, o corpo de docentes técnicos a extinguir con titulación de FP (A2) e, en terceiro lugar, o profesorado do novo corpo de sectores singulares (10 especialidades).

Segundo denunciou a deputada nacionalista, este último colectivo, en torno a 700 persoas incluíndo o persoal substituto, “convive acotío co resto de compañeiras nos centros educativos coa mesma responsabilidade e funcións pero cun salario menor”. Trátase, dixo, dunha “discriminación que non se xustifica de ningún xeito”.

É por iso que o BNG reclama á Consellería de Educación, que ten as competencias retributivas do persoal docente, que aprobe para este colectivo o complemento salarial de 158 euros  mensuais (cifra de 2026) que recibe o corpo de profesorado técnico a extinguir e que foi creado en setembro de 2023 pola Consellería para equiparar o soldo deste corpo a extinguir ao dos docentes integrados no de Secundaria. 

A deputada do BNG lembrou, neste punto, que esta equiparación xa se está a facer noutros territorios do Estado, como Asturias, Euskadi, Baleares ou Catalunya. Dixo, ademais, que se trata dunha “cantidade soportable” nos orzamentos, máis tendo en conta que o colectivo a extinguir é cada anos máis reducido. “Suporía un avance importante nos dereitos laborais deste colectivo para deixar de sufrir unha discriminación clara”, agregou. 

Ademais de pedir que se aprobe o complemento equiparador, a iniciativa do BNG propón no seu primeiro punto, como “solución definitiva”, que o Goberno galego inste ao Ministerio de Educación a mudar a normativa para encadrar  no mesmo grupo A1 a todo o profesorado de FP para que non existan discriminacións entre docentes coas mesmas funcións e responsabilidades.

O PP votou en contra da iniciativa do BNG para rematar coa desigualdade salarial que afecta ao profesorado especialista de sectores singulares da FP (PESSFP), correspondente aos ciclos de cociña e pastelaría, estética, fabricación e instalación de carpintería e moble, mantemento de vehículos, mecanizado e mantemento de máquinas, patronaxe e confección, peiteado, produción de artes gráficas, servizos de restauración e soldadura.