O BNG esixe a Educación que cumpra a lei e presente os resultados da aplicación do decreto do plurilingüismo
- A deputada do BNG, Olalla Rodil lamentou o voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista e recriminou que a consellería non cumpra a lei na obriga de presentar os resultados do decreto cunha periodicidade anual e despois de finalizar o curso
A deputada e portavoz de educación do BNG, Olalla Rodil reclamou a través dunha proposición non de lei instar a Xunta a avaliar “os resultados prácticos trala aplicación do decreto do plurilingüismo” e presentar os resultados na Cámara galega. A deputada aludiu á disposición adicional quinta da propia norma que obriga a “con periodicidade anual e despois de finalizar o curso a avaliar os resultados do decreto”.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Cesar Fernández Gil anunciou o voto . en contra á iniciativa nacionalista.
Na súa intervención, Rodil lembrou que despois de sete anos da implantación do chamado decreto do plurilingüismo, aínda non se coñecen os resultados nos distintos niveis do ensino regrado e permanecemos “impasíbeis” , dixo, ante a foto que retrata a perda de falantes. Onte mesmo, na visita a unha escola infantil en Compostela o conselleiro Román Rodríguez anunciaba un plan para promover o uso da lingua galega entre as faixas de idade máis novas despois de detectar “carencias” no seu uso.
Do que non existen datos, asegurou Rodríguez, é sobre cal é a lingua inicial predominante en Galiza. "En determinados espazos fálase máis galego e noutros, máis castelán", resolveu o titular de Educación a preguntas dos xornalistas. Datos hai, outra cousa é que non quixeran velos até agora, recriminou a nacionalista. “O IGE en 2014 situou no 18% as crianzas que aprenden a falar en galego fronte ao 45,49% daquelas que cando comezan a falar, fano en español”.
A parlamentaria tamén preguntou en que medida contribúe a perda de horas lectivas en lingua galega, (reducida coa aplicación do decretazo a apenas 1/3 no papel) á perda de falantes habituais no idioma propio e que consecuencias tivo a implantación de inquéritos ás familias para determinar a lingua vehicular no ensino infantil. Neste sentido, Rodil lembrou que as enquisas foron declaradas ilegais polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), e que vostedes manteñen baixo a escusa de seren con carácter non vinculante. Para A Mesa pola Normalización Lingüística, supuxeron” varrer a lingua galega do 96% das escolas infantís, localizadas nas cidades”.
Ademais, a deputada tamén preguntou polas consecuencias do decretazo nas carencias de uso do galego entre a mocidade e como afectou esta norma no uso habitual da lingua galega.