BNG esixe cambiar o sistema de citas nos hospitais para que as persoas doentes saiban cando van ser atendidas

Iria Carreira

Iria Carreira critica a indefensión que o implica o sistema de “buzón”, polo que as e os pacientes “non saben se van ter que agardar 15 días ou un ano”

O PP vota en contra malia ter o conselleiro anunciado que ían rematar co limbo no que quedan as usuarias, pendentes de que lles chegue un SMS    

A portavoz de Atención Hospitalaria do BNG no Parlamento, Iria Carreira, defendeu no Parlamento unha iniciativa na que se reclama á Consellería de Sanidade que modifique o sistema de citas para unha consulta especializada ou para a realización de probas diagnósticas, de maneira que as persoas doentes coñezan desde o primeiro momento cando van ser atendidas. 

Malia ser unha iniciativa “concreta, sinxela e razoable”, que non supón investimento algún, o PP votou en contra, amosando –denunciou Carreira– a súa “falta de empatía” coas persoas doentes que polo sistema actual “non saben se van ter que agardar 15 días, un mes, tres meses, dez ou un ano enteiro” porque as súas citas quedan “en buzón”. 

“É unha moda recente na que ti vas ao mostrador para coller unha cita e en vez de marchar cun resgardo de cando te van atender, marchas co recado de que xa che chegará un SMS e pista”, explicou a deputada, que tras coñecer o voto en contra dos populares, lembrou que o propio conselleiro de Sanidade dixo en novembro do ano pasado que “estamos valorando a mellor maneira de modificar isto, co obxectivo de que os pacientes saian xa dunha consulta cunha cita”.  

Carreira subliñou que, segundo os datos oficiais de finais de 2025, están pendentes dunha primeira consulta hospitalaria no Sergas máis de 205.000 persoas e case 124.000 de realizar algún tipo de proba complementaria. “A inmensa maioría destas persoas o único que saben é a data nas que lle foi solicitada a consulta ou a proba, e máis nada”, advertiu a deputada nacionalista, criticando a “indefensión” pola a incerteza e o deterioro da saúde que iso implica para as e os doentes.

O sistema de envío á caixa de correo supón, destacou, negarlle ás persoas usuarias do Sergas “o dereito fundamental a saber cando e como van ser atendidas, a coñecer os seus propios procesos de saúde e a tomar decisións respecto da mesma”. Tamén implica, engadiu, limitacións no traballo das e dos profesionais, “a quen non lles permiten realizar a súa actividade con normalidade e poder planificar a toma de decisións clínicas por motivos puramente clínicos”. 

“Coñecer a data da cita permite unha toma de decisións que agora están furtando a pacientes e profesionais”, agregou. 

Carreira denunciou que este sistema é un “subterfuxio” para tratar de ocultar a grave situación das listas de espera, “para intentar maquillar o feito de que haxa persoas en Lugo que agardan máis dun ano polo primeira consulta de psiquiatría ou persoas que agardan máis dun ano por unha resonancia, unha TAC, unha ecografía ou incluso por unha radiografía simple”. 

A deputada nacionalista considerou un “insulto” as e os pacientes do Sergas a intervención da deputada do PP que se pronunciou sobre a proposta, desatendendo as reclamacións que levan tempo facendo colectivos como a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.