BNG esixe ao PP unha rectificación de 180º ante a situación dramática da sanidade pública galega que reflexa o CES

Montse Prado

Montse Prado acusa o PP de impulsar “un cambio de modelo pola porta de atrás” que implica “menos profesionais facendo máis traballo con peor atención sanitaria

Asegura que os malos datos do CES son a consecuencia da escolla ideolóxica do PP de deteriorar a sanidade pública e convertela en nicho de negocio para a privada

Afirma que a realidade que vive a sociedade galega nada ten que ver coas “medidas de telexornal” que vende o PP e que non duran no tempo

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, advirte que “cada novo dato e cada novo informe” que sae á luz “pon máis en evidencia a situación dramática na que se atopa a sanidade pública galega”. Refírese a deputada ao último informe do Consello Económico e Social (CES), que recolle “datos realmente preocupantes” sobre o estado do sistema sanitario, polo que esixe ao PP unha rectificación de 180º no seu modelo sanitario.

En concreto, o informe sinala que Galiza se sitúa por debaixo da media do Estado no número de especialistas en medicina de familia e comunitaria, e que entre 2023 e 2024 perdeu 232 médicos de familia, acadando o nivel máis baixo dos últimos 15 anos. Prado subliña que desde o regreso do Partido Popular á Xunta elimináronse 1.181 camas hospitalaria”, unha evolución que cualificou de “consecuencia directa da escolla ideolóxica do PP de deteriorar a sanidade pública para convertela nun nicho de negocio para as empresas privadas”.

Prado recalca que Galiza é a segunda do Estado que menos inviste en Atención Primaria e unha das que peor paga aos seus profesionais, o que deriva en problemas estruturais: “360.000 persoas en lista de espera hospitalaria, demoras de ata 15, 20 e 30 días para unha cita no centro de saúde ou 200 concellos sen atención pediátrica”, resalta.

“A realidade que viven as galegas, os galegos e o persoal sanitario non ten nada que ver co que vende o Partido Popular, por moito que tente tapar a lúa cun dedo”, afirma a portavoz de Sanidade do BNG, destacando que estas carencias explican “as mobilizacións permanentes por todo o país, “desde Ribadeo á Guarda ou desde Ribeira á Fonsagrada”, así como a convocatoria de folga na atención primaria para a vindeira semana.

Cambio de 180º

O BNG reclama ao goberno galego unha rectificación e un cambio  “de 180 graos” e o abandono das “medidas de telexornal que duran o que dura o telexornal. En definitiva, “deixar de vender fume e “poñer medidas concretas” enriba da mesa.

Medidas como o incremento do orzamento de atención primaria até o 25%, tal e como recomendan organismos e entidades especializadas. O BNG pide ademais a posta en marcha dun “plan de choque” para reducir as listas de espera hospitalarias, evitando as derivacións continuas á sanidade privada. Reclama tamén garantir o funcionamento ao 100% de todos os dispositivos do Sergas: quirófanos, probas diagnósticas e camas hospitalarias. E por último, o Bloque urxe atender as demandas do persoal sanitario e abandonar “estratexias que non están mellorando nada e que, ao contrario, empeoran as condicións laborais e a calidade asistencial”.

A portavoz lembra que a Atención Primaria resolve entre o 80% e o 90% dos procesos sanitarios da poboación e denuncia que o PP a mantén “asfixiada”, impulsando “un cambio de modelo pola porta de atrás” que implica “menos profesionais facendo máis traballo e, polo tanto, peor atención sanitaria”.

“Esixímoslle ao Partido Popular rectificación porque coa saúde dos galegos e galegas non se xoga”, remata.