BNG esixe ao PP parar o macroproxecto de betume no Porto de Vilagarcía e reclama unha avaliación ambiental completa
Prado denuncia que a promotora segrega fraudulentamente o proxecto que e non se avalía o risco do transporte pola ría de 300.000m3 de betume
Primeiro Altri e agora isto. “A ría de Arousa non pode permitirse nin un só elemento máis que poña en perigo a súa capacidade produtiva, advirte
A deputada do BNG, Montse Prado esixiulle ao Goberno do PP que paralice o proxecto de instalación que prevé o almacenamento de arredor de 50.000 m3 de betume no porto de Vilagarcía e a circulación de ata 300.000 m3 betume pola ría de Arousa. Un proxecto declarado pola Xunta Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) e que, segundo indicou, está a causar “moita alarma” porque “supón un grave risco” para a ría e para a veciñanza.
“O que ten que ser estratéxico é o sector do mar e do marisqueo”, subliñou, criticando que prime o proxecto por riba dos valores ambientais e dun sector económico vital como o marisqueo, a pesca e a miticultura. “24 alegacións do sector do mar poñéndose de acordo en que o proxecto é prexudicial pero vostedes non escoitan”, afeou, dicíndolle ao responsable da Xunta que “pretenden burlarse” da cidadanía intentando poñer bonita a zona como se fose un “photocall”.
Sinalou neste sentido que milleiros de familias na ría de Arousa dependen desas actividades, lembrando ademais que a situación das rías galegas está a ser “moi preocupante” debido á acusada caída da súa produtividade, mentres a Xunta de Galiza non está a tomar medidas para atallala, criticou.
“A ría de Arousa non pode permitirse nin un só elemento máis que poña en perigo a súa capacidade produtiva”, en referencia ao, de momento desbotado, proxecto de Altri, e agora a este de almacenamento de betume.
Na súa intervención na Comisión de Pesca, Prado reclamou ademais unha avaliación ambiental completa, despois de que a empresa promotora, Betumes Gallegos SLU, dividise “artificialmente” o proxecto en dúas zonas para “eludir así unha avaliación de impacto ambiental completa”, denunciou. Somete só a Zona 1 a un trámite de avaliación simplificada, mentres que as obras da Zona 2 nin sequera son avaliadas, denuncia o BNG, indicando que na realidade se trata dun único proxecto que funcionará de xeito coordinado e que, polo tanto, a avaliación debe ser ordinaria e abarcar o conxunto do complexo, incluíndo o transporte pola ría. “É unha auténtica fraude”, asegurou Prado.
A deputada nacionalista advertiu neste punto dos graves riscos que a instalación deste proxecto tería tanto para a ría, ao tratarse dunha planta de manipulación de betume, como para os e as traballadores do porto e a veciñanza máis próxima, ao tratarse dunha substancia altamente contaminante, que ademais contén hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) e que son perigosos tanto para as persoas como para a flora e fauna da ría de Arousa.
O BNG recalca que o proxecto se basea maioritariamente no transporte por mar (até o 90% do volume) desde a boca da ría até o porto de Vilagarcía,o que, segundo indicou, incrementaría de maneira exponencial o risco de vertidos, perdas durante o transporte e accidentes con impacto directos sobre a calidade das augas, os bancos marisqueiros e a cadea alimentaria.
A deputada nacionalista tamén criticou que tanto a Xunta como a empresa pretenden minimizar o impacto ambiental argumentando que o porto non afecta a espazos especialmente protexidos, “cando Vilagarcía se encontra en plena ría de Arousa, unha das de maior interese pola súa biodiversidade e pola riqueza produtiva dos seus bancos marisqueiros”, recordou.
Engadiu que o estudo presentado polo promotor realiza unha “análise fraudulenta de alternativas” ao comparar unicamente Vilagarcía co porto de Huelva, e ignorando opcións con moito menor impacto dentro de Galiza, como os portos exteriores da Coruña ou Ferrol.
A deputada nacionalista preguntoulle ao titular da Xunta se lle vai esixir á empresa a presentación dun estudo “completo e integral” de avaliación de impacto ambiental que abranga o conxunto do proxecto, e até cando vai seguir o Executivo de Rueda usando a figura dos PIE para poñer por diante os intereses das empresas na vez dos da maioría de galegos e galegas. Tamén quixo saber se lle van esixir un plan de emerxencia específico para accidentes con verteduras ou incendios e se van estudar outras alternativas fóra da Ría de Arousa.
Na súa quenda de réplica, ante a afirmación do responsable da Xunta que espetou “que lle imos facer se o betume é pegañento”, Montse Prado retrucoulle que “é letal para o sector”, e pediulle “as máximas esixencias, unha declaración ambiental integrada e que se busque outra ubicación nun porto exterior. “Non precisamos este proxecto que pon en risco a ría de Arousa”, polo que pediu que rectifiquen e deixen de consideralo “proxecto estratéxico”.