Parlamento Galego

BNG esixe ao PP medidas para afrontar o impacto do cambio climático nas edificacións e nos ecosistemas da costa galega

Luís Bará

Luís Bará critica a falta de transparencia e de información por parte do Goberno galego sobre a regulación de 4.000 edificacións no litoral

O portavoz de Medio Ambiente e Cambio Climático do BNG, Luís Bará reclamou á Xunta de Rueda  transparencia e planificación fronte a dous retos de enorme calado: a regularización de edificacións no dominio público marítimo-terrestre e o impacto do cambio climático na costa galega.

O deputado nacionalista defendeu na Comisión 2ª unha iniciativa na que urxe presentar no Parlamento e facer público, no prazo de seis meses, un informe completo sobre as 4.000 supostas edificacións que estarían en risco, detallando a súa tipoloxía así como as medidas previstas para a súa regularización ou para o seu trasladas a outro lugar.

Tal e como recordou Bará, o Goberno galego impulsou no ano 2022 o anteproxecto da Lei de Xestión Integral do Litoral co obxectivo de regularizar unhas 4.000 edificacións situadas na faixa costeira. Segundo datos que foron saíndo— porque, segundo apuntou, a Xunta nunca fixo un informe público—, entre estas construcións atópanse 232 empresas, 59 lonxas, 24 gasolineiras, 24 depuradoras, 11 mercados municipais, 10 centros de saúde, 7 cámpings, 6 cemiterios, ademais de vivendas e edificacións anexas.

 “Non se pode aplicar unha tábula rasa porque hai certos equipamentos que non teñen que estar no litoral. Que sentido ten defender a permanencia desa edificacións como gasolineiras ou mercados municipais ou cámpings e cemiterios, tendo en conta que en 30 anos poden desaparecer porque literalmente as come o mar”, obxectou.

Neste punto, Bará quixo aclarar que o BNG defende que Galiza teña “capacidade de decisión máxima” en todos os ámbitos, tamén nun tan importante como o litoral.

Porén, quixo matizar que hai discrepancias con certos mecanismos que prevé esta norma do litoral e que por iso o BNG non votou a favor.

Cuestións como o que cualificou de “proceso especulativo a respecto do aproveitamento de edificacións con valor patrimonial que están en dominio público marítimo-terrestre —como antigas fábricas de salazón ou antigas conserveiras—que o PP quere reconverter en espazos hostaleiros. “Non estamos dicindo que non teñan usos hostaleiros, pero si prever distintos tipos de usos públicos, como centos sociais ou centros de día”, puntualizou.

Apuntou neste sentido que existen precedentes “preocupantes” como o emprazamento e ENCE en terreos de dominio público marítimo terrestre, que, segundo o Plan de Ordenación do litoral da propia Xunta, esa fábrica non debería debe saír da ría de Pontevedra ao non haber unha área de mellora paisaxística. O BNG tampouco estivo de acordo coa “amnistía” por parte da Xunta do PP ás construcións ilegais na costa , ás que, a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos de 2022, se lles daba un prazo de 15 anos para seren indultadas, cuestión coa que “tampouco estivo de acordo o Tribunal Constitucional”, indicou Bará..

Incidencia do Cambio climático na costa galega

O deputado do BNG lembrou que no ano 2021 a Xunta asinou un convenio coas tres universidades galegas para elaborar un informe sobre a incidencia do cambio climático na costa.  Un informe que, segundo denunciou, “nunca se fixo público nin está na web da Xunta”.

Neste sentido, na iniciativa do BNG demándabase ademais o encargo ao sistema universitario galego dun informe sobre as medidas que se deberían levar a cabo en relación co cambio climático e a subida do nivel do mar na costa galega, incluíndo medidas de mitigación dos impactos nos espazos naturais e na biodiversidade así como alternativas para os equipamentos e infraestruturas que polo seu emprazamento se poderían ver afectadas pola erosión costeira ou pola subida no nivel do mar. “As ameazas están aí e non se pode mirar para outro lado”, advertiu Bará. Malia todo, o PP votou en contra das propostas do BNG.

Segundo a organización independente Climate Central, a subida do nivel do mar a causa do cambio climático aféctalle á Costa galega, con incrementos de 20 a 30 centímetros até o ano 2050 e de 50 a 70 cm no horizonte de 2100. Entre as zonas máis afectadas estarían o itsmo da Lanzada, que desaparecería, a Comarca do Salnés, as zonas máis baixas da cidade de Ferrol, o Porto exterior da Langosteira, na Coruña ou as dunas de Corrubedo ou Carnota, entre outras.

“Haberá que empezar a traballar en cambios de ubicación e en sistemas de protección das zonas afectadas”, emprazou, sinalando que “o Goberno central fixo un plan estratéxico. Vostedes, no se sabe nin se lles espera”, concluíu Bará.