parlamento galego

BNG esixe ao PP dar a coñecer o contido do contrato con Povisa porque o Hospital de Torrejón “non é un caso illado”

Montse Prado
Montse Prado considera un “mecanismo criminal” deixar a poboación en mans dunha empresa privada que só busca o negocio coa saúde

A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, denunciou a opacidade e a “ocultación sistemática” do PP na Xunta respecto ao contrato asinado con Povisa para atender a 110.000 persoas na área sanitaria de Vigo e esixiu que se faga público o seu contido.

“Por que un goberno que non ten nada que ocultar se nega sistematicamente a que saibamos o contido do contrato?”, preguntou, cualificando de “mecanismo criminal” deixar a poboación “en mans dunha empresa privada que só busca o negocio coa saúde”. Unha empresa que, destacou, recibe 100 millóns dos orzamentos da Xunta e, polo tanto, “dos galegos e das galegas”, o que supón o 80% do seu volume de negocio (122 M€).    

Prado lembrou que Povisa é propiedade desde 2019 de Ribera Salud, grupo ao que tamén pertence o hospital de Torrejón de Ardoz, onde, a principios de decembro pasado saltaba o “escándalo” dos audios nos que o director xeral do grupo empresarial, Pablo Gallart, instaba ao persoal do hospital a aumentar listas de espera, rexeitar pacientes e evitar procedementos menos rendibles para xerar “catro ou cinco millóns” de euros de beneficio.

A este respecto, deputada nacionalista asegurou que “en absoluto” se trata dun caso illado, senón que “responde a unha práctica habitual para o PP en Galiza, coa súa máxima expresión en Povisa”, unha demostración “palpable” do risco de “entregarlle os servizos públicos a empresas privadas cuxo obxectivo esencial é gañar cartos”, engadiu.

Lembrou que naquel 2019, o BNG xa trouxera a este Parlamento a denuncia de que existía unha comunicación da empresa Povisa na que referenciaba como parte dos obxectivos que se marcaba “reducir todas as actuacións (consultas, probas, intervencións...) en pacientes do Sergas que non lles aporten ningún valor engadido” e “aproveitar esa liberación de recursos para mellorar cada vez máis o noso tempo de resposta a pacientes privados”

“Sóanos, non? Sóanos aos audios do CEO de Torrejón, que segue sendo o CEO de Povisa”, subliñou.

A deputada nacionalista lembrou que daquela o PP votou en contra de fiscalizar como se gastan os cartos das galegas e dos galegos. “Non queren que se saiba como se destinan ás empresas privadas os cartos que tiñan que ser para a atención sanitaria pública e para atender en condicións os galegos e as galegas”, criticou.

É por iso que o BNG trouxo ao Parlamento unha moción para pedirlle ao PP que se coñezan os detalles do contrato e que se faga unha auditoría para saber se as prácticas de Povisa son as mesmas que as de Torrejón.

Montse Prado sinalou que o PP, que se postulou en contra desta moción, está demostrando “que si son as mesmas (prácticas) e que queren ocultalo”. “Non queren que saibamos que atención sanitaria está recibindo a veciñanza de Vigo”, agregou, engadindo que isto é así porque o máximo obxectivo do PP na Xunta de Galiza é facilitar o negocio ás empresas privadas, sexa Altri, Ence ou ás da sanidade privada”, rematou.