parlamento galego

BNG esixe ao goberno do PP que paralice as verteduras da mina de San Finx

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez denunciou que o Executivo dos Populares “non fixo o máis mínimo por despegarse dunha empresa ‘tóxica’, en todos os sentidos da palabra, e continúa sen enfrontar a situación”, mentres o PP vota en contra

A portavoz de Pesca reprobou aos Populares que leven 14 anos consentindo a explotación da mina de San Finx sen a obrigada declaración de impacto ambiental

O BNG levou ao Pleno do Parlamento a situación da mina de San Finx, cuxas verteduras residuais industriais á ría de Noia foron denunciados por veciñanza e confrarías tras 14 anos de inacción do PP. O Bloque, emprazou a portavoz de Pesca, Rosana Pérez, esixe a paralización destes verteduras e a suspensión da actividade do Grupo Mineiro San Finx ata que se regularice a explotación.

“Foron 14 anos nos que, tanto a Consellería de Industria como a de Medio Ambiente, recibiron ducias de peticións, de escritos e de denuncias para que se revisase de oficio e se declarase nula a resolución do 2009 da aprobación dos proxectos”, denunciou a portavoz de Pesca e Marisqueo sobre a “situación de ilegalidade” desta mina.

Pérez fixo unha recompilación do devalar desta explotación contaminante da Ría de Noia, cuxa explotación foi autorizada no 2009 sen recoller o preceptivo informe de impacto ambiental, “polo que todo este procedemento está viciado de inicio”, reprobou, xa que esta explotación seguiu adiante e foi aprobada definitivamente en decembro de 2009, “eliminando dos “antecedentes de feito” da Resolución a mención ao condicionante de presentar o estudo de impacto ambiental imposto na Resolución de 2008”, criticou.

“Expedíronse distintos informes oficiais da propia Xunta que explicitan a necesidade de someter á mina á avaliación de impacto ambiental e que advirten da perigosa situación das presas, que acumulan miles de toneladas de residuos e que se encontran en estado de abandono”, recriminou a deputada do BNG, “foron 14 anos nos que o Goberno do PP vén mantendo unha situación xa insostíbel e de alarmante exposición para a ría e para as persoas”, denunciou.

Pérez tamén aludiu ao feito de que en decembro de 2021, Valoriza Minería, do Grupo Sacyr, acordou transferir o 100% do capital de Tungsten San Finx, empresa titular da mina, á sociedade privada australian Biscay Minerals Pty Limited. “Nos condicionantes de compravenda establécese que no caso de que non fose concedida a autorización de verteduras, Valoriza Minería asumiría o coste completo da rehabilitación do espazo natural afectado pola actividade mineira, reverténdose a compravenda”, polo que, a ollos da portavoz de Pesca e Marisqueo, a última autorización de vertidos outorgada por Augas de Galiza o pasado mes de febreiro “só se pode entender como unha táboa de salvación para eximir de responsabilidades á empresa, sen que se teñan en conta os impactos sobre a ría e a comarca e pasando por enriba de quen faga falta”.

O contexto actual, de apertura da causa penal contra o exdirector xeral de Enerxía e Minas da Xunta e a apertura de dilixencias do xulgado de instrución de Noia contra a empresa mineira e os seus administradores por un suposto delito contra o medio ambiente, despois da denuncia das Confrarías de Noia e Portosín, impulsa ao Bloque a esixir ao Goberno do PP a instar á paralización das verteduras, así como obrigar á empresa concesionaria a aplicar as medidas de prevención e reparación dos danos medioambientais e proceder á retirada dos acumulados nas dúas presas, xunto coa súa demolición e restauración ambiental ao cargo da empresa. Compromisos todos rexeitados co voto negativo dos Populares na Cámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG