BNG e ERC reafirman alianzas políticas e comparten diagnóstico sobre a situación no Estado e Europa nunha xuntanza en Barcelona

Reunión BNG ERC

O Bloque Nacionalista Galego e Esquerra Republicana escenificaron, nunha reunión realizada este venres en Barcelona, a vontade compartida de continuar fortalecendo as relacións políticas e de cooperación entre ambas as formacións en todos os ámbitos que comparten.

Á xuntanza asistiron por parte do BNG a secretaria de Relacións Internacionais e vicepresidenta do Parlamento galego, Montse Prado; a secretaria de Organización, Lucía López; e o portavoz no Congreso dos Deputados, Néstor Rego. Por parte de Esquerra asistiu o secretario xeral adxunto de ERC, Oriol López; a vicesecretaria xeral do Mundo do Traballo e Partido Aberto, Laura Pelay; e o secretario de Relacións Internacionais, Adrià Guevara.

Durante a reunión, ambas as delegacións intercambiaron análises sobre a situación política actual en Cataluña e na Galiza, así como sobre os principais retos sociais, económicos e institucionais que afrontan ambos as nacións. A xuntanza serviu tamén para compartir diagnósticos sobre a evolución do contexto político no Estado español e o europeo.

Neste sentido, as dúas formacións expresaron a súa preocupación pola situación política no Estado español, marcada pola perda progresiva de confianza cidadá nas institucións, particularmente en relación coa persistencia de casos de corrupción e actuacións dos poderes fácticos que evidencian as limitacións democráticas existentes.

Así mesmo, coincidiron na necesidade de reforzar mecanismos de transparencia, control democrático e rendición de contas, e reafirmaron a vontade de seguir traballando en follas de ruta compartidas desde os seus respectivos espazos políticos, respectando en todo momento a autonomía política e organizativa de cada formación, co obxectivo de defender os intereses de Cataluña e Galiza ante o actual contexto de auxe da extrema dereita e da deriva reaccionaria a escala internacional.

A xuntanza serviu igualmente para consolidar os espazos de colaboración entre ambas as forzas soberanistas e de esquerdas, tamén en clave europea, onde ERC e o BNG comparten espazo político a través da coalición Agora Repúblicas e do mesmo grupo parlamentario no Parlamento Europeo. Neste ámbito, abordaron os principais debates lexislativos actuais, como a política europea de retornos ou o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, que consideran prexudicial para o sector primario de Galiza e Cataluña.

Do mesmo modo, ambas as forzas apostan por unha maior colaboración no ámbito do Estado, especialmente para avanzar no recoñecemento do seu carácter plurinacional e plurilingüe e, por tanto, tamén nos dereitos das nacións, a comezar polo dereito de autodeterminación.

Nun contexto internacional cada vez máis convulso, en que se pretende impor a lei do máis forte e é vulnerado de forma permanente o dereito internacional,  BNG e ERC reafirman o seu compromiso coa defensa da Paz fronte ao militarismo e o belicismo e o respecto á soberanía dos pobos.

Pola súa parte, o BNG mantén esta tarde unha reunión con directiva de Òmnium, a maior entidade cultural en Cataluña que traballa pola promoción da lingua a cultura catalá, a educación, a cohesión social e a defensa dos dereitos nacionais.