BNG enriquece o ditame para a revisión da Política Pesqueira Común, pero advirte a Mar que leva anos sen defender o sector

Rosana Pérez
Rosana Pérez

A consideración de Galiza como Zona Altamente Dependente da Pesca ou a defensa da frota artesanal e o marisqueo, entre as achegas do Bloque

Rosana Pérez recrimina á Xunta que a pesca galega padece agora as consecuencias da súa inacción e falta de decisión política durante 13 anos

BNG enriquece o ditame para a revisión da Política Pesqueira Común, pero advirte a Mar que leva anos sen defender o sector

A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, debullou no Parlamento galego as achegas realizadas polo BNG ao ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), pero advertiu á conselleira de Mar logo da súa comparecencia para dar conta do documento que este é “só unha parte dun camiño no que se leva anos poñéndolle obstáculos ao noso sector pesqueiro e que moito nos tememos que pouco vai variar”.

Logo de lembrar que o que pretende levar a cabo a Comisión Europea é unha “lixeira revisión” e non unha verdadeira reforma da PPC vixente dende 2014 que implicou enormes sacrificios e renuncias para o sector pesqueiro galego, Pérez reprochou á titular da consellería que “pasaron demasiados anos sen que a pesca galega fose suficientemente defendida nin polo Goberno español nin polo da Xunta, e aí vostedes teñen gran parte da responsabilidade”.

Así, considerou “incomprensíbel” que un País pesqueiro como Galiza non teña voz propia nas institucións nas que se debaten e se deciden as políticas para o sector e que estas non conten coa participación do Goberno galego. “E vostedes, nisto, teñen que recoñecer que non fixeron nin fan o suficiente”, reprochou, para engadir a continuación que, “é máis, nós, e tamén parte do sector, está hoxe convencido de que non teñen que os defenda, de que están ao albur das decisións que se toman a centos de quilómetros e sen coñecer polo miúdo a nosa realidade”. “O problema, señora conselleira, medra cando ademais de non haber unha defensa decidida da nosa pesca fóra, na UE e en Madrid, tampouco a hai aquí”, afondou.  

Neste sentido, a deputada nacionalista recordou que o sector perdeu máis de 500 embarcacións nos últimos dez anos; que a afiliación á Seguridade Social no réxime da pesca e a acuicultura caeu preto dun 20% dende 2009, ano no que había 4.755 permisos de marisqueo, fronte aos menos de 3.700 cos que conta Galiza na actualidade, e que o Plan de Control de Vertidos de Augas de Galiza constata as constantes verteduras contaminantes ás rías galegas (249 en 2020 e 265 só ata setembro de 2021) sen que a Xunta sexa quen de articular políticas eficientes para protexelas.

A isto sumou a inacción e omisión do Executivo do PP á hora de impulsar a urxente remuda xeracional que precisa o sector -“cunha partida orzamentaria de 300.000 euros, que remuda imos facer?”, cuestionou con severidade- ou que leve 13 anos gobernando “e cero competencias conseguidas e agora queren abandeirar a defensa da cadea mar-industria a través de mesas de diálogo”. “Está moi ben, nós apoiámolo, pero o que nos preguntamos é por que non se constituíu a verdadeira mesa de diálogo, a da Comisión Mixta de Transferencias”, reprobou, para concluír a continuación que Galiza está a padecer agora “as consecuencias desa falta de autogoberno e desa falta de decisión política que tiveron durante anos”.

En todo caso, a portavoz nacionalista de Pesca recalcou a intención de “sumar” do BNG coas súas emendas ao ditame do Consello Galego de Pesca, como a revisión do concepto de Zona Altamente Dependente da Pesca, tendo en conta o importante peso social e pesqueiro en Galiza; a incorporación de novos criterios para definir a pesca artesanal e non só o dos metros de eslora que se utiliza na actualidade e que tanto prexudica á frota galega; a exclusión do sistema de TAC e cotas desta frota artesanal; ou, respecto ás exencións fiscais ao combustible pesqueiro, que a súa eliminación non debe levarse a cabo en ningún caso antes de que existan alternativas viables para a substitución dos combustibles fósiles actuais, emendas todas elas aceptadas.

De igual xeito, Pérez tamén amosou a satisfacción do Bloque pola incorporación das súas achegas sobre o desenvolvemento da acuicultura e a preponderancia dos usos da costa para a pesca artesanal, o marisqueo e a produción mexilloeira -aínda que considerou que o texto final non aposta ao 100% por este modelo- e as referidas á necesidade  dun deseño acaído da PPC que reforce a cohesión económica, pero, sobre todo, a social, a innovación tecnolóxica e a mellora das condicións de traballo, tendo como obxectivo a soberanía alimentaria e, polo tanto, o abastecemento á poboación da proteína animal saudábel e de baixo impacto. 

BNG enriquece o ditame para a revisión da Política Pesqueira Común, pero advirte a Mar que leva anos sen defender o sector