BNG empraza o Goberno do PP a intervir na negociación por unhas condicións dignas para as traballadoras de residencias
Ramón Fernández critica a negativa a recibir as traballadoras de Fabiola García: “A conselleira de Igualdade combate abertamente o feminismo”
O deputado do BNG Ramón Fernández acusou o Goberno do PP de permitir as condicións de precariedade das traballadoras das residencias privadas para persoas maiores e reclamoulle que interveña na negociación do convenio colectivo neste sector. “Hai precariedade porque o goberno do PP quere que a haxa”, denunciou tras destacar que a Xunta “ten unha posición determinante sobre todo o sistema, tanto sobre o modelo de atención ás persoas maiores como sobre o custo de servizo”.
Nunha pregunta o Goberno formulada durante a Comisión de Economía do Parlamento, o deputado nacionalista advertiu que nesa negociación colectiva non hai igualdade entre as partes e criticou, neste sentido, a decisión da Xunta de impor uns servizos mínimos do 100 % durante a folga que manteñen os traballadores e traballadoras, ás que se lles boicotea de facto un dereito fundamental. “Sen folga, as traballadoras ven moi reducida a súa capacidade de presión sobre a patronal”, asegurou.
“O lóxico sería que nesta situación o Goberno se implicase na negociación do convenio colectivo, ou mesmo antes, durante a negociación do custe do servizo coas empresas, para garantir salarios dignos para o persoal que presta os servizos, e que a día de hoxe están nunha grande maioría por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional”, subliñou o deputado do BNG.
Porén, lamentou que a Xunta “escape como o lume” de mediar no conflito, unha actitude que achacou a que o PP “está totalmente a favor do actual estado das cousas no sector”, é dicir, dun modelo “que se define polo déficit de prazas nas residencias de maiores, polas traballadoras sobrecargadas e mal pagadas e polos beneficios millonarios para as empresas”.
Ramón Fernández acusou o Executivo do PP de “falta de consideración total” polo sector dos coidados ás persoas maiores e ao traballo das mulleres que, dixo, “están dando un exemplo de responsabilidade e de dignidade” na súa loita por unhas condicións de traballo digna se un mellor modelo de atención ás persoas maiores.
Lamentou, neste sentido, que a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, se negase “rotundamente” a recibir ás traballadoras que se están mobilizando, unha mostra clara —subliñou— de que “no Goberno do PP pode haber, e de feito hai, unha conselleira de Igualdade que combate abertamente o feminismo”. “Parece claro que para que Galiza avance socialmente queda pendente que o feminismo entre no Goberno”, agregou nunha intervención na que, entre outros datos, que a fenda salarial entre homes e mulleres é no País do 18,4 % (4.600 euros ao ano) e que un 40 % das asalariadas cobran “como moito” o salario mínimo interprofesional fronte a un 28 % dos homes.