BNG emendará os Orzamentos 2026 para impulsar a VAC Costa Norte e mellorar infraestruturas e servizos na Mariña
Pontón critica a Rueda que discrimine un ano máis á comarca nas Contas da Xunta e castigue á veciñanza dos concellos que non goberna o PP
“Usa os orzamentos como se fosen cartos do Partido Popular, cando son os impostos de todos os galegos e galegas”, denuncia
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou en Alfoz que o BNG utilizará o trámite de emendas aos Orzamentos da Xunta para aumentar os investimentos na Mariña e mellorar infraestruturas e servizos nunha comarca que, denunciou, “volve quedar relegada e discriminada” nas Contas do Goberno de Alfonso Rueda, repetindo a mesma decepción de anos pasados.
Pontón anunciou que o Bloque presentará unha emenda específica para darlle un impulso definitivo á VAC Costa Norte, na que exemplificou “a incompetencia do PP” cunha infraestrutura que se anunciou en 2001 e da que, a día de hoxe, só están executados 16 quilómetros dun total de 110.
“É dicir, 650 metros por ano, unha absoluta vergonza que cabrea a calquera mariñán”, remarcou nun acto organizado polo BNG en Alfoz para analizar os Orzamentos do Executivo de Rueda en relación á Mariña e no que tamén participaron o deputado pola comarca, Daniel Castro, e a portavoz en Alfoz-Valadouro, Beatriz Álvarez Sixto.
A líder nacionalista tamén advertiu que estes orzamentos volven poñer de manifesto “o sectarismo” dun goberno do PP que “castiga aos veciños e veciñas dos concellos que non goberna o Partido Popular” porque, criticou, “o señor Rueda distingue entre bos e malos votantes”. “Usa os orzamentos como se fosen cartos do Partido Popular, cando son os impostos de todos os galegos e de todas as galegas”, sintetizou.
Un sectarismo e unha discriminación, afondou, que pode percibirse sobre todo nas infraestruturas, tal e como se demostra, por exemplo, en Ribadeo, municipio ao que a Xunta negou durante anos o investimento necesario para renovar a rede de saneamento e que agora conta cunha partida de 8,5 millóns de euros.
“Que nos parece moi ben para o concello, pero se en lugar de actuar como un cacique, Rueda actuase como presidente de todos os galegos e galegas e sen discriminación, hoxe a veciñanza de Ribadeo xa tería unha rede de saneamento modernizada”, evidenciou.
Unha actitude que, advertiu, o titular da Xunta reproduce agora en Barreiros, ao negarlle a construción da depuradora que reclama o goberno municipal do BNG porque é unha necesidade para o concello ou a ampliación do parque empresarial, que ao igual que os de Muras ou A Pontenova seguen sen executarse pese a que son actuacións demandadas desde hai anos polos respectivos executivos locais do Bloque.
O mesmo exactamente que acontece co parque empresarial do Valadouro, tantas veces anunciado e que empezara sendo polígono para Alfoz-O Valadouro. “A única vez que se moveu algo e se impulsou o polígono foi coa conselleira de Vivenda do BNG, Teresa Táboas, a única conselleira que pisou o terreo”, recordou.
O Bloque tamén emendará os Orzamentos 2026 para que se executen estas e outras infraestruturas e presentará outro paquete de emendas para mellorar os servizos públicos na comarca, a comezar por unha sanidade afogada polos recortes dun Goberno do PP empeñado en recortar no público para favorecer o negocio da privada.
Neste sentido, Pontón criticou que o Executivo de Rueda lle dea á sanidade privada a cifra récord de 300 millóns de euros, mentres “reparte esmola” na comarca, os tres millóns do Plan Director do Hospital da Mariña. E isto pese a que a situación da Atención Primaria da comarca “está ao límite en case todos os concellos”, advertiu, para subliñar a continuación a urxencia de incrementar o persoal sanitario ante listas de espera de até 15 días para ir ao médico ou médica de cabeceira.
A portavoz nacional tamén puxo o foco sobre outro dos grandes problemas dos galegos e das galegas, o acceso á vivenda, para o que o Goberno do PP tampouco ofrece nada nos orzamentos do ano que vén, nunha comarca onde o problema habitacional, recalcou, é cada vez máis visible para todos e todas.
Neste ámbito, afondou, o PP soamente propón as mesmas partidas do Plan Rexurbe, do que van acumulando anos e anos sen aplicar, mentres concellos como Ribadeo, Foz, Barreiros ou Viveiro están a ver como o prezo dos alugueres e das compras sobe ata niveis semellantes aos das cidades galegas.
“A Mariña merece moito máis, merece un goberno con proxectos e investimentos e desde o BNG imos tentar mellorar os orzamentos con propostas concretas que recollan as necesidades reais desta comarca”, concluíu.