BNG emenda os Orzamentos para poñer o foco en vivenda con 110 M€ adicionais e para destinar 400 M€ ao coidado das persoas
Pontón aposta por un programa intensivo de compra de vivenda por parte da Xunta para poñer no mercado 4.000 vivendas en alugueiro en cinco anos
Aumentar os recursos do SAF, un plan de choque de 250 M€ para a atención primaria e un Plan de Mellora da Atención educativa, entre as propostas
O Bloque tamén presentará emendas por valor de 570 M€ para poñer Galiza a producir cun modelo de desenvolvemento de base científica e tecnolóxica
A portavoz nacional anunciou en rolda de prensa que o BNG emendará os Orzamentos 2026 para poñer o foco na vivenda, na defensa dos servizos públicos e nun modelo alternativo de desenvolvemento económico co obxectivo de corrixir unhas Contas que, tal e como presentou o Executivo de Alfonso Rueda, “non van solucionar os problemas da maioría da xente deste País”, remarcou.
Pontón explicou que o Bloque presentará unha emenda á totalidade duns Orzamentos que “son o retrato perfecto” do Goberno de Rueda, “estancado, sen ideas e que mantén a Galiza en punto morto” e, dado que aínda así van ser tramitados, avanzou as principais emendas de cambios estruturais no orzamento que teñen como obxectivo poñer no centro os problemas reais dos galegos e das galegas.
A portavoz nacional destacou, en primeiro lugar, as propostas que o BNG defenderá en materia de vivenda, o que considerou “o primeiro problema” que ten a xente deste País. Neste sentido, a formación nacionalista proporá mobilizar 110 millóns de euros adicionais para a política social de vivenda, primeiro, para crear un parque público de vivenda en alugueiro que, subliñou, “poidan pagar tanto a clase traballadora como a xente moza”.
Para iso, avogou por que a Xunta desenvolva un programa intensivo de compra de vivenda co obxectivo de lograr 4.000 vivendas no prazo de cinco anos, mobilizando baleira, dado que na actualidade hai máis de 90.000 inmobles baleiros só nas grandes cidades.
De igual xeito, o Bloque defende que o Executivo conteña os prezos dos alugueiros, para o que presentará unha emenda para dotar de recursos ao Goberno galego e sexa este quen declare por si mesmo mercados tensionados, o que permitiría limitar e controlar a suba dos alugueres. Así mesmo, apostou por que a Xunta limite o número de vivendas de uso turístico e por que active máis políticas que permitan mobilizar vivenda baleira.
“Se queremos solucionar o problema da vivenda, é necesario non só que haxa máis recursos, senón que se actúe no aquí e no agora e non que se fíen as solucións, única e exclusivamente a construír máis vivenda pública que sabemos que tarda anos e anos en facerse”, explicou.
Fronte a un PP “que está deteriorando os servizos públicos por ideoloxía, porque o que busca é que o público se converta nun negocio para os seus amigos”, denunciou, o segundo gran bloque de emendas que presentará o BNG estará centrado na defensa dos servizos públicos coa mobilización de 400 millóns de euros dos Orzamentos.
A comezar, por algo tan básico como reforzar o SAF, un servizo neste momento colapsado “no que para que entre unha persoa maior ten que morrer outra persoa maior”, criticou. Con este obxectivo, defendeu o incremento de 15 millóns da partida dedicada a financiar o Servizo de Axuda no Fogar, co fin último de que en dous anos “a Xunta cumpra cos concellos e abone polo menos 20 euros a hora” para o seu financiamento.
Unha medida, alegou, que hai que acompañar cun compromiso claro por incrementar a rede pública de coidados, polo que tamén destacou a emenda por valor de 30 millóns que presentará o Bloque para ampliar centros de día e residencias públicas que garantan o dereito a unha vellez digna.
A defensa da sanidade pública será outro dos ámbitos que centren unha parte importante das emendas nacionalistas, que incluirán un plan de choque de 250 millóns para a atención primaria, que permita incrementar os recursos humanos, mellorar as súas condicións económicas e laborais e incorporar novas categorías profesionais.
Nesta liña, o BNG tamén inclúe unha partida de cinco millóns para a contratación de 100 psicólogos e psicólogas na atención primaria, dado que, pese ás promesas do PP, o Plan de Saúde Mental “non ten dotación” e esta medida que anunciou no seu momento continúa sen levarse adiante, advertiu Pontón, quen tamén avanzou outra emenda por importe de 130 millóns para loitar contra as listas de espera hospitalarias, que seguen sendo máis altas que as que había antes da Covid e que o Executivo de Rueda é incapaz de atallar.
No ámbito das medidas encamiñadas a mellorar o coidado das persoas, a líder nacionalista tamén subliñou as centradas no ámbito da educación, cun Plan de Mellora da Atención Educativa para incrementar o persoal nos centros de ensino, especialmente no que se refire os nenos e nenas con necesidades educativas especiais, e poder reducir os rateos de alumnos e alumnas por aula.
A portavoz nacional destacou un último paquete de emendas por valor de máis de 570 millóns de euros que teñen por obxectivo poñer Galiza a producir “cun desenvolvemento autocentrado e que teña como base a ciencia e a tecnoloxía”. Neste ámbito, destacou a proposta do Bloque dun Pacto galego pola Ciencia dotado con 250 millóns de euros para converter a I+D+i “no grande motor de transformación” do País.
De igual xeito, e fronte a “un Partido Popular que aposta polo espolio eólico e eléctrico”, avogou por crear unha empresa pública de enerxía e tamén un polo de coñecemento, innovación e experimentación no ámbito enerxético. Por último, salientou a proposta do BNG para crear un fondo soberano para unha Galiza innovadora, que permita mobilizar 1.200 millóns de euros até o ano 2032.
Propostas todas elas para “poñer o foco na defensa do importante”, alegou Pontón, que confrontou estas propostas aos dun Executivo do PP que presenta uns Orzamentos onde “outro ano máis volve cos mesmos titulares de sempre”, pero non ofrece “solucións aos problemas que teñen os galegos e as galegas”. “Temos un goberno que conduce Galiza en punto morto e este país merece máis”, concluíu.