BNG emenda a Lei de Memoria Democrática para garantir acabar coa impunidade do franquismo

Néstor Rego

Néstor Rego: “A proposta de emendas pactada entre PSOE e UP é claramente insuficiente. É preciso suprimir os apartados e) e f) do artigo 2 da Lei de Amnistía”

A formación nacionalista  reclama declarar nulos e ilegais todas as sentenzas e e resolucións represivas dos órganos penais e administrativos estabelecidos pola ditadura franquista

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou as emendas rexistradas pola formación nacionalista ao Proxecto de Lei de Memoria Democrática, un total de 44, para alén das 6 rexistradas conxuntamente con outras formacións soberanistas. Rego afirma que o obxectivo é garantir o dereito á xustiza, a reparación integral e o fin da impunidade do franquismo, así como a devolución de todos os bens espoliados pola ditadura.

Na pasada semana xa foron feitas públicas as emendas rexistradas conxuntamente por seis formacións soberanistas: BNG, ERC, EH Bildu, JuntsxCat, PdeCat e CUP. Nelas, entre outras cuestións, incluíase a eliminación dos apartados e) e f) do artigo 2 da Lei de Amnistía de 1977 para acabar coa impunidade dos crime do franquismo, a devolución do patrimonio incautado a diversas organizacións e entidades e a supresión do título de rei, dado que foi restituído por Francisco Franco cando designa a Juan Carlos de Borbón como sucesor “a título de rei” en 1969

Como formación política, o BNG rexistrou outras corenta e catro emendas, co obxectivo de garantir que a Lei responda realmente aos principios internacionalmente recoñecidos de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. A formación nacionalista emenda mesmo o título, pois defende denominala “Lei de dereitos das vítimas da represión franquista”.

Entre as emendas máis salientábeis presentadas polo BNG están as referidas a declarar ilegais (e non só ‘ilexítimos’ como fai o texto do Proxecto de Lei) os Consellos de Guerra e os Tribunais políticos do franquismo así como nulas de pleno dereito as sentenzas e resolucións represivas tanto de órganos xudiciais como administrativos. “As resolucións de tribunais, tanto durante a Guerra Civil como na ditadura deben ser declarados nulos de pleno dereito e con todas as consecuencias a que houber lugar” explica Rego.

De maneira específica, e do punto de vista simbólico mais con alto significado político, o BNG propón declarar ilegais os Consellos de Guerra e nulas de pleno dereito todas as condenas neles ditadas, como a condena a morte do dirixente nacionalista Alexandre Bóveda, fusilado a 17 de agosto de 1936.

Da mesma maneira, as condenas e sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunal ou órgano penal ou administrativo durante a Ditadura contra quen defendeu a legalidade institucional anterior, pretendeu o restabelecemento dun “réxime democrático ou tentaou vivir conforme a opcións amparadas por dereitos e liberdades hoxe recoñecidos”.

“A declaración de nulidade e ilegalidade terá que dar lugar ao dereito de reparación, non só moral, se non tamén á responsabilidade patrimonial do Estado” indica o deputado nacionalista. A organización entende que a garantía do exercicio de dereito á xustiza e o fin da impunidade “ten que estar recollido no texto lexislativo” e, por tanto, a Administración do Estado ten que garantir o dereito das vítimas á xustiza, seguindo a legalidade internacional en materia de dereitos humanos.

Para estes efectos, O BNG propón que sexa ratificada a Convención sobre a imprescritibilidade dos crimes de guerra e dos crimes de lesa humanidade de 1968, garantindo así a súa aplicabilidade aos crimes contra a humanidade cometidos durante o franquismo e, coherentemente, anulando “os apartados e) e f) do artigo 2 da Lei de Amnistía de 1977”.

Para Néstor Rego, a proposta de emendas pactada entre PSOE e UP e dada a coñecer onte “é claramente insuficiente; é preciso suprimir os apartados  anteriormente nomeados na Lei de Amnistía que amparan os delitos cometidos polos funcionarios e polas autoridades franquistas”.

Por outra banda, a organización frentista afonda na definición de reparación integral. “Ten que ser entendida como o conxunto de medidas de restitución, indemnización, rehabilitación, satisfacción e garantías de non repetición, nas súas dimensións individual, colectiva, material, moral e simbólica orientadas ao restabelecemento dos dereitos das vítimas” explica Rego, incluída a responsabilidade patrimonial do Estado na reparación das vítimas do franquismo.

Recuperar os bens espoliados polo réxime franquista

“Deben estar previstos os mecanismos para que, após a pertinente auditoría, para que se poida proceder á reparación integral das persoas ou entidades afectadas polas incautacións, incluíndo a recuperación e restitución dos bens, ou, se non for posíbel, a compensación económica” explica o deputado do BNG.

Así mesmo, unha emenda nacionalista estabelece que será competencia de cada Comunidade Autónoma a declaración como Lugar de Memoria respecto daqueles espazos, feitos, inmóbeis ou patrimonio inmaterial ligados ao seu territorio. No caso galego, Rego avanza a inclusión dalgúns aspectos en relación co Patrimonio incautado para garantir “a súa plena devolución” como o Pazo de Meirás -e todos os elementos móbeis nel incluídos-, as estatuas de Isaac e Abraham- ou a Casa Cornide.

Visión transversal da Lei de Memoria Democrática

Alén do máis, Rego fixo referencia ao recoñecemento expreso coa posibilidade de reparación material ás mulleres e nenas que foron encerradas nos centros do “Patronato de Protección da Muller”, entre 1941 e 1985. Así mesmo, reclama o recoñecemento da persecución lingüística para que se inclúan “non só as persoas senón tamén os pobos que foron represaliados ou perseguidos polo uso ou difusión da súa lingua propia”.