BNG denuncia a “xestión desastrosa” dos fondos europeos da Consellería de Economía, que deixou sen executar 103 M€
O deputado e portavoz de Industria do BNG no Parlamento, Brais Ruanova, denuncia a “caótica e irresponsable” xestión que a Consellería de Economía está a facer dos fondos europeos, especialmente daqueles destinados ao tecido produtivo, a industria e a innovación. Froito desa xestión, advirte, quedaron sen executar 103 millóns de euros que xa estaban orzados para proxectos europeos, tal e como se reflexa o último informe do Consello de Contas, correspondente ao exercicio de 2023.
“A consellería que debería liderar a modernización da industria de Galiza ofrece números de xestión desastrosa”, asegura o deputado nacionalista, quen subliña a perda de oportunidades que isto supón para Galiza, poñendo ademais en risco futuros financiamentos.
Valéndose dos datos do órgano fiscalizador, explica que Economía adquiriu a través de fondos europeos preto de 246’4 millóns de euros, situándose, por detrás de Medio Rural, como o segundo departamento da Xunta en participación nestes fondos. Dos case 246’4 M€, só se comprometeron a través de obrigas o 51,8 %, sinala. Pero o “máis dramático”, engade, é que só se pagou o 33,9 %, o que significa que só un terzo do orzamento chegou realmente aos beneficiarios.
Ruanova critica, ademais, que a Consellería de Economía, desatendendo ás recomendacións de Contas, insista en contabilizar as baixas de créditos (os 103 millóns sen executar) sen xustificación real. Trátase, asegura, dunha práctica que “distorsiona a avaliación da execución para dar unha falsa imaxe de eficiencia”.
A realidade é que “cando Europa inviste en recuperación, en resiliencia e en tecnoloxía, o Goberno galego do PP responde con atrasos, con burocracia e con ineficacia”, recalca o portavoz de Economía e Industria do BNG no Parlamento, que vén de rexistrar unha batería de iniciativas para reclamar á consellería que agora dirixe María Jesús Lorenzana que aplique as recomendacións que reiteradamente vén facendo o Consello de Contas e que estableza, “dunha vez por todas”, unha planificación dos fondos europeos que xorda do diálogo cos sectores produtivos.
“Chega xa de xestións opacas e de contabilidade creativa do PP. Galiza merece un goberno que cumpra, que invista e que aproveite cada euro que vén de Europa para crear emprego, sostibilidade e modernización dos nosos sectores produtivos”, salienta.
Entre as propostas que fai o BNG figura a de revisar, para mellorar, as “medidas fracasadas” de “presunta axilización administrativa”, avaliar as dificultades ou os atrancos na xestión dos proxectos europeos e crear mesas sectoriais permanentes naqueles sectores declarados estratéxicos co obxectivo, entre outros, de planificar o acceso, a idoneidade e a execución dos fondos comunitarios.