BNG denuncia a xestión "caótica" do PP cos fondos europeos: “só se pagou o 33,9% dos créditos destinados á Economía e Industria en 2023”
Brais Ruanova presenta unha proposta con catro medidas para garantir a execución destes recursos tras un informe demoledor do Consello de Contas
A pesar da gravidade dos datos, o PP votou en contra, rexeitando as medidas propostas para paliar a deficiente execución dos fondos europeos
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Brais Ruanova, presentou hoxe na Comisión 3.ª, Economía, Facenda e Orzamentos, unha proposición non de lei para exixir medidas urxentes que melloren a planificación e execución dos fondos europeos por parte do Goberno galego. A iniciativa chega despois de que o Consello de Contas revelase nun informe publicado en xullo de 2025 que a Consellería de Economía, Industria e Innovación só executou o 33,9% dos pagos efectivos dos fondos europeos dispoñibles en 2023, aínda sendo a segunda consellería con máis créditos asignados.
Ruanova destacou que, dos 246,4 millóns de euros en créditos europeos xestionados por esta consellería, só se comprometeu o 51,8% e pagouse menos dun terzo. Ademais, sinalou que a consellería rexistrou a maior cantidade absoluta de baixas de crédito: máis de 103 millóns de euros, o 22,8% do total da Xunta. “Isto non é un erro técnico; é un fracaso de planificación, falta de capacidade xestora e desprezo cara aos intereses de Galiza”, afirmou o deputado.
A proposta do BNG inclúe catro medidas concretas, baseadas nas recomendacións do Consello de Contas: revisar as medidas de “axilización” que ralentizan a administración, deixar de tramitar baixas de crédito ao final do ano, realizar unha avaliación honesta dos atrancos e render contas periodicamente ao Parlamento, e crear mesas sectoriais permanentes cos actores implicados.
“Non se trata de criticar por criticar. Trátase de exixir responsabilidades a quen as ten e de propoñer solucións. Estes fondos son dos cidadáns e cidadás de Galiza, e merecen ser aproveitados ao máximo”, insistiu Ruanova.
A pesar da gravidade dos datos, o Partido Popular votou en contra da proposta, rexeitando así as medidas propostas para paliar a deficiente execución dos fondos europeos, que o BNG cualifica como “un roubo ao futuro dos galegos e galegas”.