Congreso

BNG denuncia a vulneración de dereitos e agresións racistas da UTE que executa as obras ferroviarias do porto exterior da Coruña

Néstor Rego

Néstor Rego traslada o apoio da organización nacionalista aos traballadores e traballadores que esta semana realizaron un fechamento para demandar melloras

Urxe o Goberno a iniciar as xestións necesarias para asegurar que se respecten os dereitos das e dos traballadores dunha obra pública.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para que o Goberno actúe ante as denuncias feitas públicas sobre a vulneración de dereitos laborais e agresións racistas por parte da UTE que executa as obras da conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña. Así mesmo, traslada o apoio do BNG ás traballadoras e traballadores que veñen de realizar un fechamento para reclamar melloras na seguranza e unhas condicións laborais dignas.

Na pasada semana, a Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciaba publicamente a agresión verbal e física sufrida por un traballador das obras do tren a Punta Langosteira por parte dun operario dunha subcontrata. A comezos desta semana, o comité de empresa realizaba un fechamento para reclamar melloras na seguranza e unhas condicións laborais dignas ante a pasividade da empresa ante unha agresión racista e xenófoba.

“A pesar de que a CIG puxo en coñecemento da UTE e foi tratado en diferentes reunións, o agresor continúa desenvolvendo as súas funcións nas obras e coincidindo diariamente coa vítima agredida” denuncia o deputado nacionalista. Ante esta situación de “actitude pasiva”, que en opinión de Rego é “inxustificábel”, por parte da UTE, o BNG reclama ao Goberno do Estado iniciar todas as xestións necesarias para asegurar que se respecten os dereitos das e dos traballadores nas obras da conexión ferroviaria ao porto exterior da Coruña.

Segundo relata o deputado do BNG, os feitos sucederon nunha obra pública executada baixo a supervisión do Goberno do Estado a través do Ministerio de Transporte e ADIF, por tanto, tamén corresponde a esta administración asegurar que as condicións de traballos son seguras e libres de agresións racistas e xenófobas. “O Goberno debe asegurar -ben como licitadora ou ben a través da inspección de traballo- que as empresas adopten as medidas oportunas para impedir que sigan a producirse ataques por motivos racistas, a loitar contra todo tipo de discriminacións e desigualdades” sinala Rego.

Respectar os dereitos laborais e as condicións dignas

Esta mesma actitude pasiva que mantén a UTE a respecto da agresión racista tamén a mantén a respecto das condicións laborais e os dereitos das e dos traballadores. “Desde a representación sindical formulouse a necesidade de mellorar as condicións en materia de seguridade e saúde, sobre o goce de vacacións, o pagamento dos salarios e retencións” indica o deputado nacionalista.

“Todas estas cuestións, desatendidas por parte da empresa que executa unha obra pública, tamén debe ser obxecto de estudo e de actuación por parte do Goberno” sentenza Rego.