Parlamento Galego

BNG denuncia o voto en contra do PP para garantir pediatras na Comarca do Condado-Paradanta

Cristina Fernández e veciñanza afectada
Cristina Fernández Davila critica a actitude do Partido Popular ante a crise sanitaria que deixa sen atención especializada a centos de nenos e nenas 

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, criticou duramente o voto en contra do Partido Popular na Comisión 5.ª de Sanidade, Política Social e Emprego, onde se rexeitou unha proposta para cubrir as prazas vacantes de pediatras na comarca do Condado-Paradanta. Fernández Davila destacou que esta negativa perpetúa unha situación "lamentable e insostible" que obriga ás familias a desprazarse decenas de quilómetros para recibir atención básica.

"O PP volveu demostrar o seu desprezo pola sanidade pública e polos dereitos da infancia. Mentres eles priorizan a censura de cartaces reivindicativos e ameazan con denuncias a veciños que protestan, os nenos e nenas desta comarca seguen sen ter pediatras fixos", denunciou a deputada. Fernández Davila recordou que municipios como A Caniza, As Neves ou Salvaterra levan meses sen servizo pediátrico estable, con profesionais sobrecargados e baixas sen cubrir. 

A intervención da deputada nacionalista puxo de relevo as consecuencias desta desatención: diagnósticos tardíos, falta de seguimento de patoloxías crónicas e unha carga económica e emocional insostible para as familias, especialmente nas zonas rurais. "Non é aceptable que a Xunta, en vez de solucionar o problema, prefira gastar recursos en perseguir protestas pacíficas ou en parches temporais con sanitarios en formación", engadiu. 

O BNG exixe ao goberno galego que priorice a contratación de pediatras e enfermeiras especializadas, cubra as baixas laborais e garantiza un servizo público de calidade. "Se o PP realmente cre na equidade, que deixe de lado a súa deriva privatizadora e actúe. A saúde das nosas crianzas non é negociable", concluíu Fernández Dávila.