O BNG denuncia a utilización da Illa de San Simón por unha empresa privada para organizar unha festa e cea privada do Samaín

Illa de San Simón

Luís Bará critica que a Xunta autorice esta actividade nun lugar histórico, natural e cultural que debe ser respectado.

O BNG  propón un Plan de usos da Illa primando a recuperación, divulgación e dinamización da memoria  histórica e loita polas liberdades democráticas

O deputado do BNG, Luís Bará, denuncia no Parlamento galego, a través dunha proposición non de lei, que a Xunta de Galiza “autoriza a profanación da Illa de San Simón” cunha festa e cea nocturna baixo o título “Un samaín de miedo en la Isla de San Simón”.

O parlamentario demanda “respecto”  ao simbolismo da Illa como lugar de memoria e que se restrinxan as actividades por tratarse dun Ben de Interese Cultural.

Para o deputado, todo tipo de actividades de carácter festivo “ofende a memoria das persoas que estiveron presas neste campo de concentración franquista”.

Bará denuncia a utilización da illa, por parte de empresas privadas, para facer negocio, sen ningún tipo de límite e sen ningún respecto pola historia e o significado do lugar. A pinga que encheu o vaso, explica o deputado,  foi o anuncio, por parte dunha navieira dun “Samaín de medo en San Simón” que presentan como “unha noite de terror, unha auténtica e aterradora experiencia na illa na que haberá que superar terroríficas actividades e que inclúe unha cea nun dos edificios da Illa”.

Bará considera unha “ignominia” que se organicen estas actividades lúdicas e frívolas nun espazo que foi un lugar de “cativerio,  terror,  fame, illamento e  morte. O máis terríbel de toda Galiza, no que estiveron encarceradas máis de 6.000 persoas e no que centos de presos morreron de fame, enfermidade e centos deles asasinados”.

Na proposición non lei rexistrada hoxe, o BNG solicita que se prohiban este tipo de actividades ofensivas coa memoria das vítimas do franquismo e que se elabore un Plan de usos para a illa de San Simón que debe regular os usos e actividades do espazo primando a  súa función de lugar de memoria destinado  á recuperación, divulgación e dinamización da memoria histórica democrática galega e da loita polas liberdades e os dereitos civís.

Luís Bará sinala que non  é a primeira vez que se organizan este tipo de actividades. É habitual que empresas privadas desenvolvan na illa procuras do tesouro, festivais, ceas e todo tipo de celebracións e actos lúdicos que non son propios deste espazo tan  significativo  e simbólico. Acaso alguén imaxina que empresas privadas organicen ceas de Samaín e visitas con probas terroríficas en Mauthausen ou Auschwitz? pregunta o nacionalista.

Para moitos colectivos e persoas comprometidas coa recuperación da memoria histórica, a Illa de San Simón non pode ser un parque temático recreativo,  de atraccións, un cámping, nin a illa do tesouro. “É un lugar histórico, natural e cultural que merece coidado e dinamización. E  debe ser tratado con respecto e sensibilidade.”

O  BNG defenderá un acordo no Parlamento galego co fin de Instar ao goberno a:

1. Elaborar e aprobar, no prazo máximo de seis meses, un Plan de usos para a Illa de San Simón que debe regular os usos e actividades do espazo con seguintes criterios:

- Determinar as funcións do espazo e do equipamento, primando a recuperación, divulgación e dinamización da memoria histórica democrática galega e da loita polas liberdades e os dereitos civís; estudo e divulgación da historia das illas e da súa contorna; valores paisaxísticos e ambientais do conxunto.

- Desenvolver unha programación anual de actividades de iniciativa pública, con especial atención á recuperación da memoria histórica democrática.

- Promover as visitas escolares e didácticas ao espazo, salientando os seus valores históricos, ambientais e culturais e a súa función como lugar simbólico da memoria histórica democrática.

Este plan de usos deberá elaborarse coa participación dos concellos da contorna e das asociacións da memoria histórica, e será sometido a debate e aprobación no Parlamento.

2. Declarar a Illa de San Simón como Illa da Memoria.

3. Restrinxir, no interior da illa, as actividades que sexan ofensivas para a memoria das vítimas da represión. Para determinar este tipo de actividades realizarase unha consulta coas asociacións galegas da memoria histórica e coas familias das persoas que estiveron presas no lugar.

4. Potenciar o carácter público do espazo, a súa condición de BIC e de parte da Rede Natura, e, en consecuencia, evitar a tendencia á privatización do uso e prohibir expresamente a realización no interior da illa de actividades con claro interese lucrativo.