BNG denuncia o trato discriminatorio coa Galiza na recuperación do subministro após o apagamento do 28-A
Carme da Silva: “Non é normal que quen actúa para reanudar o sistema sexan os últimos territorios en conseguir o subministro”
O BNG defende a necesidade de que o sistema eléctrico sexa público, baixo control público e criterios do interese xeral
Durante a comparecencia da Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica, a senadora do BNG, Carme da Silva, evidencia as eivas do protocolo existente para a reanudación do subministro eléctrico após o apagamento producido o pasado 28 de abril. Da Silva sinala o trato discriminatorio que sufriu á Galiza na recuperación do subministro a pesar de ser un territorio produtor excedentario de enerxía eléctrica e denuncia que os galegos e galegas paguen os custos ambientais, sociais e económicos e mesmo o seu transporte, mentres Madrid consome e leva os beneficios.
“Nucleares-renovábeis é un debate falso e interesado, alimentado polo lobby eléctrico -da man do Partido Popular- que manexa e decide sobre como, onde e cando funciona en cada momento o mix eléctrico” sinala a senadora do BNG. De feito, evidencia Carme da Silva, o sistema eléctrico ibérico “están en mans privadas e funcionando con criterios económicos e non de interese xeral”. A senadora nacionalista defende a necesidade de que o sistema eléctrico sexa público e estea baixo control público.
“Falou de canto se recuperou pero non de como foi o proceso” di Carme
Durante a súa intervención, a senadora do BNG require á Vicepresidenta afondar na cuestión de como se foi recuperando porcentualmente: “que papel xogaron as hidroeléctricas, e no concreto as que están en territorio galego? Como é posíbel que territorios próximos a estas hidroeléctricas na Galiza fosen os últimos en recuperar a enerxía” denuncia Carme da Silva.
O apagamento puxo de manifesto onde se xera a enerxía eléctrica e onde se consome: “na Galiza somos altamente produtores de enerxía eléctrica. Incáutasenos 40% da enerxía eléctrica que producimos e, mentres os galegos e galegas pagamos as consecuencias económicas, sociais e ambientais, Madrid consome” lamenta Carme da Silva.
Paralelamente, a senadora nacionalista cualifica o protocolo para a recuperación do subministro como “discriminatorio” para a Galiza: “non é normal que quen actúa para reanudar o sistema sexan os últimos territorios en conseguir o subministro”.
Alerta polas centrais de bombeo na Galiza
O apagamento, ademais, intensifica o debate sobre o almacenamento da enerxía. “Na Galiza hai 11 proxectos en trámite de bombeo hidráulico respondendo a case 60% do total do previsto no PNIEC para o almacenamento” alerta da Silva.