Parlamento Galego

BNG denuncia as trabas do Goberno de Rueda a acoller aos nenos e as nenas inmigrantes que foxen da fame e das guerras

Ariadna Fernández

Ariadna Fernández advírtelle á titular de Política Social que “acoller brancos chamándolle solidariedade e non a negros falando de avalancha é racismo”

A deputada do BNG Ariadna Fernández denunciou no Pleno do Parlamento as trabas que o Goberno de Rueda está poñendo ao acollemento dos nenos e nenas inmigrantes que chegan en caiuco, arriscando as súas vidas,  para fuxir da miseria, da fame e das guerras.  “Miraríanlles á cara a todos eses pequenos e pequenas dende a súa vida cómoda e diríanlles que non teñen recursos para atendelas?”, preguntou dirixíndose ás bancadas do PP.

No debate dunha pregunta formulada á conselleira de Política Social, Fabiola García, a deputada nacionalista criticou que o Executivo do PP ameace con recorrer aos tribunais por non estar de acordo co número de nenos e nenas non acompañados que chegarán a Galiza, 326 fronte aos 4.000 de Canarias. E contrapuxo os argumentos que se esgrimen agora dende a Xunta, alegando que a lei que se aplica para recibilos é inxusta, aos utilizados para acoller a refuxiados e refuxiadas cando se desatou a guerra en Ucraína. “Que fácil se volve falar de inxustizas durmindo nunhas sabas térmicas!”, agregou.    

Lembrou, neste sentido, que o propio líder do PP en Madrid, sendo presidente da Xunta, dicía ter total disposición para o acollemento das persoas que fuxían da guerra de Ucraína, ofrecendo daquela ata 1.400 prazas. “Agora non teñen ningunha, ningunha, para os nenos e nenas africanas!”, condenou.

“Acoller a brancos chamándolle solidariedade e non a negros chamándolle avalancha é racismo. Ter preferencias pola cor de pel é pasar por enriba dos dereitos humanos, por enriba das liberdades fundamentais e da igualdade. É racismo”, advertiu durante á conselleira de Política Social,  á que lle reprochou que o PP chegase a propoñer o uso das Forzas Armadas para facer fronte a caiucos cheos de xente á deriva, moitos menores de idade, que escapan da miseria. “Son irmáns da extrema dereita”, subliñou.

Para rebater os argumentos utilizados pola conselleira, Ariadna Fernández quixo deixar claro que o acollemento dos menores inmigrantes é unha cuestión máis de humanidade que de leis e subliñou, ademais, que estes nenos e nenas “non coñecen a Puigdemont, non saben onde está Cataluña e non saben quen é o presidente do Goberno”.

A deputada nacionalista criticou, por outra banda, a situación de precariedade e falta de medios do sistema de protección de menores en Galiza, e cominou á conselleira a atender as reivindicacións dos traballadores e traballadoras, que reclaman desde hai tempo que se aumenten medios, persoal e investimento. “Teñen en situación precaria a toda a rede de acollemento, aos de aquí e aos que non son de aquí, a todas e todos, porque non existen para vostedes. Son invisibles”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Ariadna Fernández emprazou á conselleira a ter empatía, capacidade de poñerse no lugar dos demais, tamén coas familias que deciden meter aos seus fillos e fillas nun caiuco “cheo de xente descoñecida, sabendo que poden morrer afogados, sendo conscientes de que posiblemente non os volverán a ver, que poden caer nas mans equivocadas”.

“Que o teu pequeno teña fame e non teñas que lle dar de comer, ten que ser negro; que a túa nena sexa violada, que se saquen o clítoris cunha coitela oxidada, ou que parirá por primeira vez con 13 anos, non debe deixar de durmir; comprender que o bebé que acabas de parir morrerá por falla de vacinas ou que sufrirá unha guerra, é terrible”, argumentou.

A deputada do BNG concluíu a súa intervención apelando á responsabilidade da conselleira para respectar “o mínimo”, aludindo así os dereitos humanos da infancia. “Van axudar ou van seguir con esta política de chatarra?”, preguntoulle.