BNG denuncia temperaturas de ata 30 graos en hospitais galegos que dificultan a recuperación dos doentes ingresados

Iria Carreira
A deputada Iria Carreira esixe medidas inmediatas e a máis longo prazo para adaptar as infraestruturas sanitarias aos efectos do cambio climático 

A deputadaA portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG no Parlamento, Iria Carreira, denuncia as condicións que teñen que soportar as e os doentes ingresados e as persoas que os acompañan, así como o persoal traballador da rede de centros do Sergas a causa das altas temperaturas, que nalgún caso chegaron a superar estes días os 30 grados nas habitacións.

“O calor é abafante, hai cuartos de hospital nos que se chega a superar os 30 º de temperatura, con noites nas que non refresca o suficiente para permitir un bo descanso, o que dificulta a recuperación da xente que está ingresada e as condicións de traballo do persoal”, advirte a deputada nacionalista, que vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para reclamar á Xunta que adopte medidas para combater os efectos do cambio climático nas infraestruturas hospitalarias. 

Segundo explica Carreira, nos últimos días, a consecuencia das ondas de calor rexistradas, está habendo problemas polas altas temperaturas en todas as áreas sanitarias e en practicamente todos os hospitais do Sergas, sobre todo nos máis vellos. Lembra, neste punto, as queixas de pacientes, familias e persoal no Chuac da Coruña, no Arquitecto Marcide de Ferrol, Provincial de  Santiago ou no hospital de Ourense. 

Subliña, ademais, que o problema se agrava naqueles casos nos que as habitacións están ocupadas por tres persoas, como sucede no complexo da Coruña, con seis plantas afectadas. “Nalgúns casos hai ventiladores, pero non sempre chegan”, explica. 

“As infraestruturas dos hospitais galegos non están adaptadas á nova realidade do cambio climático”, con vagas de calor que se repiten verán tras verán e que cada vez son máis intensas e máis adiantadas no calendario, engade. 

É por iso que o BNG reclama o Goberno do PP na Xunta que adopte as medidas necesarias con carácter inmediato para garantir unha climatización axeitada en todos os centros hospitalarios galegos durante este verán. Mais tamén son necesarias medidas pensando no medio e longo prazo. 

Neste sentido, a iniciativa rexistrada por Carreira pide á Consellería de Sanidade que antes de rematar o ano presente no Parlamento un plan para a adecuación e climatización dos espazos de hospitalización, así como unha previsión de ocupación realista que evite que os e as doentes ingresadas teñan que compartir habitación con máis dunha persoa.