BNG denuncia a situación "insostible" que sofre a comunidade educativa do CEIP da Barquiña en Noia
O Bloque Nacionalista Galego levou á sesión plenaria do Parlamento galego a grave situación que vive a comunidade educativa do CEIP da Barquiña, no concello de Noia. A deputada Rosana Pérez cuestionou directamente ao conselleiro de Educación, Roman Rodríguez, sobre os continuos recortes na dotación de profesorado e persoal coidador, que están a vulnerar o dereito a unha educación de calidade do alumnado.
Pérez expuxo que a Consellería de Educación suprimiu unha praza definitiva de Educación Primaria con perfil de inglés, a cal figura no catálogo do centro. "Quen son vostedes, señor conselleiro, para terse versar e mesmo negar o que contempla o catálogo?", preguntou a deputada.
Outro dos puntos criticados foi a eliminación do desdobre para a aula de terceiro de Primaria. A deputada recordou que, no curso pasado, a Consellería concedeu o desdobre para segundo de Primaria cando había 24 alumnos, tres deles con necesidades educativas especiais (dous con grao de dependencia 2 e un con grao 3), o que supoñía 28 alumnos ponderados. Este ano, esa mesma aula, xa en terceiro, conta con 25 alumnos (29 ponderados) e, con todo, a Consellería negou o desdobre. "Cales son os criterios, señor conselleiro, que valeron o curso pasado para o desdobre e este ano xa non?", cuestionou Pérez, acusando á Xunta de aplicar "criterios" variables.
De xeito especialmente contundente, Pérez trouxo á Cámara o caso de Mauro, un neno con grao de dependencia 3. Denunciou que as limitacións do transporte escolar obrigan ao menor a adaptar o seu horario lectivo ao do servizo de transporte, perdendo horas de clase. "Pode explicarlle á súa nai por qué é o neno que se ten que adaptar ao horario de transporte perdendo aulas e non o transporte ao neno?", preguntou ao conselleiro.
En definitiva, a deputada do BNG deixou claro que a comunidade educativa da Barquiña "xa non lle compra nin os seus supostos criterios, nin a súa propaganda" e exixiu respostas claras. "Hoxe queremos que nos diga, pero a ver se nos di algo, claro, se vai facer eses axustes como vostede chama ou vai seguir mirando para outro lado", concluíu, animando ao conselleiro a deixar de lado a inacción e a resolver os problemas reais que están a limitar gravemente o dereito á educación do alumnado de Noia.