BNG denuncia o saqueo dos recursos naturais galegos nun acto simbólico en Doade baixo o lema “Espolio Nunca Máis”

Espolio nunca máis

O BNG sinala que a mina de Doade simboliza un modelo económico extractivista que condena a Galiza a asumir os custos ambientais mentres os beneficios marchan fóra

Néstor Rego e Carme da Silva participan nun acto reivindicativo contra un proxecto vinculado á escalada belicista, que ameaza o territorio e exemplifica un novo episodio de espolio da Galiza

O Bloque Nacionalista Galego realiza unha acción simbólica, reivindicativa e de denuncia para denunciar o saqueo continuado dos recursos naturais da Galiza. Néstor Rego e Carme da Silva, deputado e senadora do BNG, participan do acto realizado en Beariz exemplificando o espolio no proxecto da Mina de Doade que a Comisión Europea, coa complicidade do Goberno do Estado, quere desenvolver.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, trasladaron a oposición firme da fronte nacionalista a un proxecto que consideran lesivo para o territorio, para o medio ambiente e para os intereses da maioría social galega. Acompañados por militancia e simpatizantes da organización, despregaron dúas macrofaixas e a bandeira da Galiza no acto reivindicativo.

Carme da Silva e Néstor Rego

A acción enmárcase na campaña do BNG contra os novos proxectos extractivos impulsados baixo o paraugas da estratexia europea de materias primas críticas e do proceso de rearmamento da Unión Europea, que pretende garantir a subministración de recursos para a industria tecnolóxica e militar á custa dos territorios periféricos.

Na súa intervención, Néstor Rego denuncia que o caso de Doade é unha mostra máis do modelo histórico de espolio que sofre a Galiza. “Estamos ante un novo intento de converter o noso País nunha simple colonia de extracción de recursos ao servizo de intereses alleos. Queren levar o litio, como antes levaron outros recursos mineiros ou ou levaron e levan a nosa enerxía, deixando aquí unicamente os impactos ambientais e sociais negativos” afirma.

O deputado nacionalista lembra as iniciativas impulsadas polo BNG en todas as institucións para exixir explicacións ao Goberno español sobre a inclusión da mina de Doade na listaxe europea de proxectos estratéxicos de materias primas críticas vinculado ao programa REARM EUROPE e reclamarlle que retire o seu apoio a este proxecto.

“O Goberno recoñeceu ao BNG que non presentou ningunha obxección á inclusión deste proxecto, a pesar de se tratar dunha mina que xa fora rexeitada polo seu impacto ambiental e que foi incorporada á listaxe europea sen contar cunha avaliación técnica e ambiental previa coñecida. É inadmisíbel que se pretenda acelerar este tipo de proxectos en nome do rearmamento europeo e dos intereses da industria militar” sinala Rego.

Pola súa parte, Carme da Silva Méndez sinala que “estamos ante un proxecto que xa foi rexeitado no pasado pola súa afección aos recursos hídricos e polo seu elevado impacto ambiental. Non existe ningunha razón que xustifique que agora se pretenda reabrir esta ameaza para Beariz, A Lama e Cerdedo-Cotobade de maneira directa” destaca.

A senadora nacionalista advirte que a declaración como proxecto estratéxico por parte da Comisión Europea busca facilitar e acelerar a tramitación administrativa de iniciativas altamente contestadas socialmente. “Non podemos aceptar que, coa escusa de garantir materias primas para a carreira armamentista europea, se recorten garantías ambientais, se limite a transparencia e se poña en risco o noso territorio. Doade, Galiza toda, non pode converterse nunha zona de sacrificio ao servizo de intereses empresariais e militares alleos ao noso País” afirma.

Carme da Silva Méndez sinala que a mina de Doade simboliza un modelo económico extractivista que condena a Galiza a asumir os custos ambientais mentres os beneficios marchan fóra do País. “Defendemos os recursos naturais galegos, do territorio e da capacidade da Galiza para decidir sobre o seu futuro, frente a un novo episodio de espolio” subliña.