BNG denuncia o risco para a saúde pública e o "baleiro legal" da Xunta en biogás ante a macroplanta de Xunqueira de Ambía
A deputada nacionalista, Sonia Vidal, sinala a falta de normativa, o “bochorno” do alcalde e os presuntos intereses empresariais
Ademais, trátase dun proxecto que xerou milleiros de alegacións e unha moción unánime da Deputación de Ourense en contra
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Sonia Vidal, criticou duramente ao Goberno do PP pola súa xestión do proxecto da macroplanta de biometano en Xunqueira de Ambía, que prevé tratar 166.000 toneladas anuais de residuos, moitos deles de categoría 2 e altamente contaminantes.
Vidal destacou a enorme mobilización contra o proxecto, con preto de 2.000 alegacións presentadas e un acordo unánime da Deputación de Ourense -incluíndo os votos do PP- que exixe paralizar a planta, ampliar prazos e elaborar normativa específica. "Hai un baleiro legal escandaloso: non hai normativa galega, estatal nin europea que regule o uso do dixestato", denunciou.
A deputada cargou especialmente contra a falta de protección para a veciñanza, xa que o PRIGA "non establece unha distancia mínima obrigatoria a vivendas", permitindo que a planta se sitúe a só 100 metros das casas. "Iso non é planificación, non é protección da saúde pública", afirmou.
Vidal cuestionou o papel do alcalde de Xunqueira de Ambía, a quen acusou de emitir "bandos despectivos, intimidatorios e cheos de falsidades" para "tapar con ruído o evidente", e vencellou a súa actitude a "intereses empresariais vinculados ao transporte urbano de Ourense".
Sobre a reapertura do prazo de alegacións, o BNG manifestou que é resultado da presión social e institucional e exixen que as 2.000 alegacións xa presentadas sexan tidas en conta. A deputada rematou chamando á responsabilidade: "Gobernar non é protexer aos seus, señora conselleira. É protexer á xente. O que está en xogo é a credibilidade da Xunta como garante do interese público no medio rural".