Parlamento Galego

BNG denuncia o recorte de axudas da PAC 2025 ás explotacións gandeiras de montaña e urxe a súa modificación

Secundino Fernández

Secundino Fernández: “A Xunta de Rueda non pode seguir boicoteando as explotacións máis fráxiles e necesarias para o futuro do noso rural”.

O deputado do BNG e portavoz de Medio Rural, Secundino Fernández, denunciou na Comisión de Agricultura deste venres os graves prexuízos que a nova orde da PAC 2025, impulsada pola Xunta de Galicia, provoca nas explotacións gandeiras de montaña, especialmente nas de vacún de carne e ovino/cabrún, ao reducir significativamente as axudas das zonas con limitacións naturais.

“A Xunta do PP non pode seguir boicoteando as explotacións máis fráxiles e necesarias para o futuro do noso rural, con políticas que están afondando no abandono das zonas de montaña”, lamentou.

Neste sentido, a iniciativa do BNG, que foi rexeitada polo PP, reclamaba dúas medidas urxentes: a modificación da a orde de axudas da PAC 2025, recuperando os criterios e financiamento de 2024 nas zonas con limitacións naturais nas zonas de montaña. En segundo lugar, esixía a reversión dos cambios normativos, que deixan sen axuda ou con menos financiamento as explotacións gandeiras extensivas nestas áreas.

“As labregas e labregos de comarcas como Viana, Os Ancares, A Fonsagrada, O Xistral ou a Capelada non entenden como a Xunta lles cambia as normas no medio do partido, prexudicando gravemente a quen sostén o territorio e mantén vivas as nosas parroquias”, advertiu Fernández.

O responsable de Medio Rural do BNG explicou que a orde publicada no DOG o 5 de marzo de 2025 introduce recortes que poñen en risco a viabilidade das explotacións de gando de carne e razas autóctonas, que son penalizadas cos novos criterios de cálculo de UGM Unidades de Gando Maior (UGM). E é que agora,  para acceder ás axudas, precísanse máis animais por hectárea, o que deixa fóra a moitas explotacións que, coas mesmas condicións, si foron beneficiarias en 2024.

Isto significa que coas mesmas vacas ou ovellas e se quere cobrar a axuda, o  gandeiro ou gandeira necesitará moita menos superficie, polo que correrá  o risco de quedar fora das axudas por non ter suficiente número de animais; ou, dito doutro xeito, por ter demasiada superficie para o gando que posúe.

A isto súmase unha drástica redución do importe por hectárea nas zonas de montaña, pasando de ata 280 €/ha en 2024 a só 155 €/ha en 2025, ao tempo que se reducen os tramos máximos de superficie subvencionable.

“Estamos falando de perdas que superan o 60 % da axuda. Unha explotación tipo de 60 vacas pode pasar de cobrar 14.000 € a só 6.000 €. No caso de 300 ovellas, de 11.000 € a apenas 4.600 €. É unha barbaridade”, exemplificou.

Discriminación territorial e abandono do rural interior

O BNG tamén puxo o foco na discriminación territorial que supón esta modificación xa que,  mentres se recortan axudas ás zonas de montaña, mantéñense os criterios e financiamento nas zonas máis produtivas e nas explotacións de vacún de leite. “Resulta inxusto que se premie máis ás explotacións en zonas sen limitacións que ás que traballan nunha contorna difícil e estratéxica para evitar o despoboamento. É un golpe á Galicia interior e ao modelo extensivo, sustentable e tradicional”, subliñou.

O Bloque esixe á Xunta  de Rueda que  rectifique de inmediato e que restableza os criterios anteriores, garantindo que ningunha explotación quede fóra por culpa dun cambio improvisado e sen diálogo co sector.