BNG denuncia que a Xunta permite viaxar de pé en autobuses interurbanos sen condicións de seguridade e sen garantir prazas
O portavoz de transportes do BNG, Paulo Ríos acusa o Executivo de Rueda de inacción e de estar xogando coa seguridade das persoas viaxeiras
“As empresas incumpren, a Xunta non sanciona, e finalmente rescátanse os contratos para evitar responsabilidades”, sinala
O portavoz de Transportes do BNG, Paulo Ríos, denunciou na comisión 2ª novas irregularidades no servizo de transporte público interurbano, competencia da Xunta de Galiza, ao permitir que numerosos usuarios e usuarias teñan que viaxar de pé en autobuses que carecen das condicións mínimas de seguridade.
O deputado nacionalista afirmou que a situación afecta a múltiples rutas do País, como é o caso das liñas Vigo-A Guarda ou a ruta Miño-A Coruña, pertencentes á concesión Ferrol-A Coruña, “unha das que máis irregularidades, incumprimentos e sancións acumula sen que a Xunta adopte medidas efectivas”.
“Hoxe en día hai autobuses con até vinte menores viaxando de pé, e a Xunta permite esta situación amparándose nun oco legal da DGT”, advertiu , acusando o Goberno galego de “trato de favor” cara a determinadas empresas concesionarias.
Segundo explicou, a Xunta estaría aproveitando unha ambigüidade legal para autorizar viaxes de pé en autobuses interurbanos que circulan por vías de alta capacidade, como a A-55, sen que os vehículos conten con elementos homologados de seguridade, tales como barras de suxeición, zonas diferenciadas ou sinalización da capacidade máxima de pasaxeiros de pé.
O deputado citou documentación oficial da propia administración autonómica dirixida á empresa Lugove, concesionaria das liñas que afectan ás comarcas do Condado, Baixo Miño e as súas conexións coa cidade de Vigo, na que se comunica que “os autobuses están legalizados para levar viaxeiros de pé independentemente da liña que estean a prestar servizo”, limitando unicamente a velocidade a 80 km/h.
“A Xunta está xogando coa seguridade das persoas viaxeiras”, asegurou o parlamentario, lembrando que outras comunidades autónomas, como a valenciana, si contan cunha normativa específica que regula esta posibilidade con garantías técnicas e de seguridade, fronte á “inacción” do Executivo galego.
O portavoz nacionalista tamén criticou a política de contratación da Xunta no transporte público, denunciando contratos mal calculados, incumprimentos reiterados e rescates de concesións por mutuo acordo con empresas que levan anos acumulando queixas sen consecuencias.
“As empresas incumpren, a Xunta non sanciona, e finalmente rescátanse os contratos para evitar responsabilidades. Mentres tanto, a cidadanía continúa sufrindo un servizo deficiente e inseguro”, concluíu.
É por iso que a iniciativa do BNG, que foi rexeitada polo PP, instaba ao Goberno galego a garantir a suficiencia de prazas e a seguridade dos pasaxeiros e pasaxeiras no servizo de transporte público por estrada.
“Eu agardo que non pase nada, porque se non xa sabemos que a culpa será do maquinista, do piloto ou do condutor, nunca de vostedes”. Pídolles que actúen, que percorran as vilas deste País e vexan o que está acontecendo”, rematou.