BNG denuncia que Xunta e Goberno español exclúen Ourense do convenio de vivenda pública

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego cualifica de  inxustificábel  que non se prevexa ningunha actuación na cidade de Ourense no Convenio asinado entre MITMA e Xunta de Galiza para a construción de 499 vivendas públicas en réxime de aluguer social e reclama rectificar

A frente nacionalista exixe a transferencia dos 3.000 activos propiedade da SAREB á Administración galega para promover unha bolsa de vivenda pública e social destinada ás persoas e colectivos máis desfavorecidos

Após coñecer o convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a construción de 499 vivendas públicas, o Bloque Nacionalista Galego reclama incluír a cidade de Ourense. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera “absolutamente inxustificábel” a exclusión de Ourense das actuacións previstas no devandito convenio e sinala que, se non se rectificar esta decisión, a mocidade e as familias con menos ingresos desta cidade acharán máis dificultades para acceder a unha vivenda digna, o que suporía un trato discriminatorio. Así mesmo, a frente nacionalista reclama a transferencia dos inmóbeis propiedade da SAREB á Xunta para que se execute unha política pública eficaz en materia de vivenda.

O pasado 28 de novembro, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galiza, e a Ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, asinaron dous Convenios de colaboración para a transferencia de fondos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia da Unión Europea para a construción de 499 novas vivendas públicas baixo os parámetros de eficiencia enerxética. Nos documentos asinados estipúlase que o investimento ascenderá a máis de 69 millóns de euros, achegando 65% a Xunta (44,62 millóns), e o restante será con cargo aos fondos europeos, uns 24,54 millóns.

O obxectivo deste acordo é destinar ditas vivendas en réxime de aluguer a mozos e mozas e a familias con menos recursos. “Estas vivendas situaranse en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo, mais, tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado esquécense da cidade de Ourense nestes convenios. Non entendemos cales son os motivos que levan estas dúas administracións a excluír a Ourense a construcións de vivenda pública; é absolutamente inxustificábel” denuncia o deputado do BNG no Congreso.

Neste sentido, a organización nacionalista exixe a rectificación de ambas as administracións para incluír a Ourense nos acordos, primando criterios de distribución territorial para que esta cidade galega conte con vivendas en réxime de aluguer para a mocidade e familias con menos recursos.

Con todo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entende que, aínda que a execución destas promocións de vivenda é positiva e moi necesaria, o Goberno do Estado “debe transferir de maneira inmediata todos os inmóbeis da SAREB á Xunta de Galiza, como medida a curto prazo”. Segundo explica Rego, existen por volta de 3.000 vivendas en poder da xestora dos antigo “activos tóxicos” dos bancos –agora enteiramente pública-  que poderían ser transferidas á Administración galega para que desenvolva unha política pública en materia de vivenda e “dar un verdadeiro impulso á mobilización do parque de vivendas baleiras”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG