BNG denuncia que a reforma integral do CEIP Luis Acuña segue sen orzamento nin data de licitación e execución

Noa Presas

Noa Presas denuncia a situación deplorable na que se atopa o centro: chove dentro, hai goteiras, cortes de luz e calefacción e vai frío nas aulas

O PP prometeu no 2023, ás portas das eleccións galegas, obras de mellora

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, denunciou no Parlamento a “situación penosa” na que se atopa o Centro de Educación Infantil e Primaria Luis Acuña e reclamou ao Goberno do PP que de maneira urxente acometa a reforma integral prometida xa no 2023 e que o Goberno de Rueda nin executou nin contempla nos orzamentos deste ano.

“A vostede chóvelle no seu despacho? Pasa frío no seu posto de traballo? Ten que estar 8 horas co abrigo posto? Teñen despachos pechados nas instalacións da Xunta en San Caetano desde hai meses porque chove dentro? Gustaríalle estar aí no que queda de inverno?”, preguntoulle a deputada nacionalista ao director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, encargado de dar resposta ao BNG, que mais unha vez denunciou a condicións “pésimas e deplorables” nas que se atopa este centro, no que estudan nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

Un centro no que hai actualmente dúas aulas pechadas porque chove dentro, hai goteiras, hai cortes de luz e calefacción e vai frío nas aulas, explicou a deputada, que durante a súa intervención amosou fotografías do teito do salón de actos, con humidade e pingueiras, ou dos baños do patio, reforzados “de xeito cutre e transitorio” cunhas mesas vellas porque caen a cachos”.

“Nun país presuntamente avanzado a vostede parécelle normal e seguro?, volveu preguntarlle ao director xeral mentres sostiña imaxes de cables rotos e goteiras neste CEIP, un dos nove da provincia para os que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, prometeu un investimento de 7 millóns de euros. “Estamos en 2026 e os orzamentos da Xunta para este ano, igual que os anteriores, non teñen unha soa referencia a estas obras de mellora concreta”, reprobou en alusión á reforma integral prometida en 2023, ás portas dunhas eleccións galegas na que —dixo— o PP necesitaba “propaganda”.

A deputada do BNG reclamou ao responsable do Goberno galego explicacións á comunidade educativa, que vén de presentar en torno a seiscentas de sinaturas para exixirlle ao PP que cumpra a súa palabra e se liciten as obras de forma urxente. “Non o fan por capricho,  senón porque están nunha situación límite, preocupados e preocupadas porque non é seguro que nenos e nenas pequenas convivan con esta situación: frío, goteiras e estragos”, destacou referíndose á veciñanza e aos pais e nais do alumnado do CEIP que, trala resposta do director xeral que, malia as preguntas do BNG, non ofreceu  unha data para a licitación e execución das obras.  

É por iso que Presas, que advertiu que os problemas no centro veñen de lonxe e non poden ser atribuídos aos temporais destes días,  urxiu o Goberno de Rueda unha “rectificación” e licite de forma urxente as obras de reforma integral e que sente coa comunidade educativa para falar de “aproveitar esa obra con criterios de eficiencia enerxética para mellorar o centro”. “A Xunta ten que asumir a súa responsabilidade cos nenos e nenas do CEIP Luis Acuña de Ourense, que merecen estudar en condicións dignas e seguras”, sostivo. “Teñen que actuar antes de quen haxa un incidente grave”, concluíu.