BNG denuncia que o PP vota no Parlamento en contra da creación dunha praza de xuíz/a nos xulgados de Ponteareas
Cristina Fernández critica a dobre cara dos populares tras rexeitar unha iniciativa similar a outra que si apoiaron no Concello: “Foi un paripé”
A deputada do Bloque advirte da elevada carga de traballo na demarcación e dunha “Xustiza de dúas velocidades” que prexudica as zonas do rural
A deputada do BNG Cristina Fernández Davila denunciou o voto en contra do PP a unha iniciativa nacionalista para reclamar ao Goberno do Estado a creación dunha nova praza de xuíz ou xuíza para reforzar o Tribunal de Instancia de Ponteareas, así como a dotación de persoal suficiente que axude a aliviar o colapso xudicial que sofre na actualidade. Fernández lamentou a dobre cara do PP, que no Concello si apoiou unha iniciativa similar no que, dixo, agora se demostra que foi “un paripé”.
Cristina Fernández, encargada de defender a proposta nacionalista, considerou que Ponteareas tería que ser unha das principais candidatas para ampliar o cadro de xuíces ou xuízas, pois a demarcación abrangue nove concellos e presta servizo a unha poboación que supera os 53.000 habitantes.
Hoxe en día, afondou, Ponteareas conta cunha sección mixta , de Instancia e Instrución, con tres prazas xudiciais na sección civil e de instrución, así como a oficina encargada da xestión do rexistro civil. Segundo os datos e o baremo do propio Consello Xeral do Poder Xudicial, o número de asuntos rexistrados nos xulgados de Ponteareas excede desde hai anos, especialmente no civil, o límite máximo que deberían soportar.
No conxunto de Pontevedra, “Ponteareas é un dos xulgados máis preocupantes xunto co de Vilagarcía, superando as 800 entradas de caso por ano”, expuxo Fernández Davila, que subliñou que, só durante o ano 2024, se rexistraron 1.471 casos civís, 712 penais e 289 de Vioxén. “Datos todos eles que superan os de Caldas e A Estrada ou os do Porriño
É por iso que reprobou a decisión de excluír Ponteareas do reparto das 19 prazas de xuíces e xuízas anunciadas para Galiza en xaneiro deste ano e criticou, neste punto, a estratexia do Goberno do Estado de “minimizar” a Xustiza nas vilas, o que prexudica á súa veciñanza.
“Temos unha xustiza a dúas velocidades, unha máis potente nas cidades e outra que vai renqueando para as vilas pequenas”, destacou, para engadir que “cando máis cerca estea a Xustiza da xente, máis eficaz e áxil pode ser, e iso pasa por fortalecela e mellorala”.
Fernández Davila advertiu, por outra banda, que a situación de colapso que sofren os xulgados de Ponteareas fai que estes sexan “órganos de paso” pois o seu cadro de persoal funcionario, “adoita pedir traslado en canto ten oportunidade”, o que “dificulta a estabilidade e a continuidade normalizada do servizo”. Esta situación está a producir ademais unha “presión engadida” entre funcionarios e funcionarias que deriva a miúdo en baixas laborais.
Afondando na precariedade na que se traballa, a deputada nacionalista salientou que “os ánimos foron a peor” pois, ademais da exclusión de Ponteareas do reparto de prazas de xuíces ou xuízas, está pendente a incorporación dunha nova titular no Xulgado Nº 2 —agora sen ninguén— e a do Nº 1 vai ser substituída por unha nova persoa “recén saída da academia”.
Asemade, agregou, foi substituído hai pouco o letrado director que era interino e a persoa traballadora que cubría o rexistro foi cesada o 24 de abril e non foi relevada até o dia 11 de este mes, polo que o traballo tivo que ser asumido polo resto de funcionarios e funcionarias.
“É imprescindible que o Estado dote de novos órganos alí onde son precisos para evitar situacións de colapso como as de Ponteareas, pero de igual xeito é urxente contar co persoal funcionario que sexa necesario en todos os órganos, persoal suficiente, estable e traballando nunhas condicións laborais dignas”, asegurou a deputada da comarca.
Neste punto, Fernández Davila apelou á responsabilidade que o PP na Xunta ten en cuestións como a estabilización dos cadros de persoal, o impulso de listaxes de substitución, a formación previa, a disposición de procedementos áxiles para nomeamentos e incorporación de persoas funcionarias ou a implementación de mecanismos de selección de persoal funcionario que garantan coñecemento, competencia e o manexo de ferramentas.