Parlamento Galego

BNG denuncia que o PP incumpre os acordos e desvía fondos da investigación marisqueira a eventos promocionais

Rosana Pérez
Rosana Pérez exixe nos orzamentos de 2026 prioridade para o sector pesqueiro tradicional e investigación sobre a perda de produtividade das rías

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, levou á Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego unha contundente crítica ao goberno do PP polo seu abandono do sector marisqueiro tradicional e a acuicultura extensiva, así como polo incumprimento sistemático dos acordos parlamentarios aprobados por unanimidade.

Durante a súa intervención, Pérez recordou o acordo unánime do 19 de novembro de 2024, no que se instaba a priorizar nos orzamentos "os investimentos dirixidos a blindar a máxima protección ao sector pesqueiro e marisqueiro tradicional e á acuicultura extensiva". Un compromiso que, segundo sinalou, "non se viu reflectido nos orzamentos de 2025" e que agora se reclama de novo para os de 2026.

A deputada nacionalista detallou os tres eixos esenciais dese acordo incumprido: a protección do sector tradicional e a creación de emprego, a saída preferente dos fondos do FEMPA á investigación sobre a perda de produtividade das rías, e a elaboración dun catálogo de medidas para poñer en valor os produtos do mar galegos. "Por iso seguimos onde estamos", afirmou, subliñando a inacción do PP.

Pérez sinalou que, mentres se anuncia un reforzo de 10 millóns de euros para centros de investigación como o Integmar, o CIMA ou o CETMAR, o propio Goberno reduce a partida do Plan Galego de Investigación en máis dun millón de euros. En contraste, destacou con ironía que se destinan 14 millóns de euros a "participar en feiras, eventos e folclores varios". "Se este é o compromiso que teñen vostedes co sector marisqueiro, en fin", rematou.

A iniciativa do BNG, presentada como Proposición Non de Lei, aprobouse por unanimidade para instar á Xunta a cumprir finalmente co acordo de 2024 e a priorizar nos próximos orzamentos a investigación, a protección do sector extractivo tradicional e a promoción dos produtos galegos, ante o que cualificou como crise que "afecta ás rías galegas".

A deputada finalizou a súa intervención cun chamamento á coherencia, esperando que, esta vez, o Goberno "por fin, cumpra a palabra" e incorpore estas liñas de actuación, en lugar das "contrarias que son as que nos criticamos".