BNG denuncia que Mar deixou un terzo do seu orzamento de 2025 sen gastar malia situación alarmante que sofre o sector
Rosana Pérez critica a falta de peso político da Consellería e reclama que se reinvistan este ano os máis de 71 millóns non executados o pasado ano
A cifra que se ‘perdeu’ desde 2023 ascende a 224,6 M€: “En tres anos cargáronse o presuposto total da Consellería para este exercicio 2026”
A portavoz de Pesca do BNG no Parlamento, Rosana Pérez, denunciou que a Consellería do Mar deixou sen executar o pasado exercicio case un terzo dos orzamentos inicialmente asignados, e iso malia a “alarmante” situación que atravesa o sector, nomeadamente o marisqueiro, especialmente castigado este ano pola falta de produtividade das rías galegas e as consecuencias do tren de temporais.
“Os orzamentos de Mar só indican dúas cousas: que prima a propaganda, os anuncios, a publicidade e os reclamos que non van máis alá diso e, por outro lado, o deterioro crecente e xa crónico dun sector e dunhas rías que vostedes son incapaces de refrotar e que a día de hoxe están nunha situación de abandono xa cronificado”, denunciou Rosana Pérez, que criticou a irrelevancia e o escaso peso político da Consellería no organigrama do Goberno do PP.
Segundo detallou a deputada nacionalista, os 220,7 millóns de euros do orzamento inicial da Consellería do Mar para 2025 quedaron reducidos a 149, o 67,5 %, practicamente un terzo do previsto nas Contas aprobadas polo Parlamento. É dicir, quedaron sen executar 71,7 millóns, o 32,5 %.
Ademais, destacou, esta non é unha práctica só do último exercicio. Desde 2023, os orzamentos da Consellería do Mar incrementáronse en 8,8 millóns de euros (211,9 millóns de euros en 2023; 214,5 en 2024 e 220,7 en 2025). Nese mesmo período, Mar deixou sen executar “nada máis e nada menos” que 224,6 M€ , dos que 123 correspondían a 2024, “o peor ano da historia do sector do mar e do marisqueo galego en particular”.
“E dicir, en tres anos cargáronse o orzamento total da Consellería para este ano 2026”, sintetizou a portavoz nacionalista de Pesca, que cualificou esta práctica orzamentaria de “auténtico escándalo, nula xestión e estrago absoluto dos recursos públicos”. “Onde están eses cartos”?, preguntouse, para a continuación reclamar que sexan devoltos “cada vez máis pequeno e que ve como cada ano entran máis toneladas de marisco foráneo e a unhas rías cada vez peor xestionadas e coidadas”.
Ese é, precisamente, o obxectivo da iniciativa que o BNG defendeu na Comisión 8ª para, en concreto, reclamarlle o PP na Xunta que reinvista este ano os 71,6 millóns que quedaron sen executar do 2025, “atendendo prioritariamente ás eivas máis notorias do sector do mar” e, nomeadamente, a establecer medidas a curto e medio prazo para evitar a continua perda de produtividade das rías galegas e a consecuente mingua de postos de traballo (case 950 desde 2010 só no marisqueo a pé), a incrementar as partidas destinadas á investigación do medio mariño e as dirixidas a promover a remuda xeracional.
O BNG reclamou tamén, a través da proposta debatida, eliminar definitivamente a “práctica recorrente” de desviar partidas dos orzamentos de Mar a outras seccións e desenvolver as accións precisas para acadar un nivel de execución orzamentario anual do 100 % da Consellería.
“Déixense de tanta propaganda e actúen responsablemente dunha vez, antes de que acaben con todo”, emprazou a deputada nacionalista aos deputados do PP, que votaron en contra da proposta do Bloque.