parlamento galego

BNG denuncia que a mala planificación de Educación deixará sen praza no IES de referencia a alumnos do CEIP Irmáns Vilar

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas empraza á Consellería a reorganizar o mapa escolar na cidade e  buscar unha solución para non prexudicar aos rapaces e rapazas afectadas

A deputada do BNG Noa Presas denunciou a “mala planificación” feita en Ourense pola Consellería de Educación, á que reclamou unha “reorganización” do mapa escolar na cidade para corrixir a “chapuza” pola que alumnos que rematan este ano a Primaria quedarán sen praza o vindeiro curso no seu instituto de referencia.

En concreto, Presas referiuse á situación advertida e denunciada xa en febreiro pola ANPA do CEIP Irmáns Vilar sobre a oferta insuficiente de prazas no no IES Otero Pedrayo, que é o centro de referencia para este e outros dous centros de Primaria (o Amadeo Barroso e o da Inmaculada).

“Non planificaron o curso, non botaron contas do alumnado e non fixeron nada por ordenar a situación que sabían dende hai anos que ía producirse”, criticou a deputada ourensá, que concretou que “para máis inri” dos 13 alumnos e alumnas que quedarán sen praza no Otero Pedrayo, once son do CEIP Irmáns Vilar.

O Otero Pedrayo non é só o instituto de referencia para o Irmáns Vilar senón que, ademais, é o que queda máis próximo, o que explica que os nenos e nenas que van quedar sen praza viven nesa contorna, na zona vella e na do Posío, explicou Presas, para a continuación subliñar que a falta de planificación da Consellería vai supoñer que estes alumnos e alumnas “rompan ao vínculo nun tránsito complexo” (da escola ao instituto).

“Se un neno ou unha nena entra con tres anos nese CEIP ten como IES de referencia o Otero e ten todo o seu círculo educativo e afectivo aí”, asegurou. “É un neno, non un número”, advertiu.

Nunha pregunta formulada na Comisión de Educación do Parlamento, a deputada nacionalista criticou, por outra banda, a “falta de escoita activa e de empatía” dos responsables da Consellería, que se negaron a dialogar cos representantes da ANPA logo de que esta entregase máis de 2.500 sinaturas denunciando a situación.  “Mais a Xunta o único que fixo foi encomendarse á esperanza de que maxicamente os rapaces e as rapazas que teñen praza no instituto Otero Pedrayo finalmente non formalicen a matrícula”, lamentou.

“Nin dialogan nin están sendo honestos coas familias”, afirmou a deputada do BNG, advertido que, fronte ás “insinuacións” da Consellería, “non estamos a falar de pais que por antollo queiran levar aos seus nenos e nenas a este instituto pola súa fama e nivel educativo, que o ten, senón que piden unha continuidade natural que contaban ter desde o seu centro de Primaria”.

Presas emprazou á equipa de Educación a asumir que “houbo un erro de planificación” que é necesario emendar porque “non estamos a falar de mobles senón de nenos e nenas, que non están a pedir ningún tipo de privilexio”.

“Somos conscientes de que o IES Otero Pedrayo ten un gran número de alumnado,de que nestes momentos é moi complicado introducir unha liña educativa máis -que é o desexable tamén para reducir os rateos-, pero é necesario buscar unha solución racional e que na medida do posible os nenos e nenas que cursaron a súa primaria no Irmáns Vilar podan continuar no Otero Pedrayo”, concluíu.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG