O BNG denuncia que a prometida transición xusta en ENDESA está quedando nunha nova reconversión encuberta nas Pontes

Encontro CE ENDESA
Encontro CE ENDESA

Propón usar biocombustible para salvar parte da central e adxudicar os 1.400 MW que deixa a térmica a unha empresa quen manteña o emprego

Pide a comparecencia do conselleiro Conde para que explique o plan da Xunta, tras un encontro co comité de empresa

Pontón: “a alternativa non pode ser paro ou emigración para esta comarca”

O BNG mantivo un encontro co comité de empresa de ENDESA-As Pontes para analizar a situación do cadro de persoal unha vez iniciado o proceso de peche da central e, neste sentido, solicita a comparecencia no Parlamento do conselleiro de Economía e Industrial, Francisco Conde, para que explique que accións está levando a cabo a Xunta para evitar a perda de centos de postos de traballo e xerar unha alternativa industrial.

“A día de hoxe, e pese ás promesas electorais de PP e de PSOE de aplicar nas Pontes unha transición xusta, o que estamos vendo é unha reconversión industrial encuberta na comarca de Ferrolterra, outra máis”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, na comparecencia de prensa posterior xunto co presidente do comité de empresa, Luís Pico.

“Ao final parece que a transición xusta consiste en elixir entre emigrar ou ir ao paro, é inaceptable porque esa non pode ser a alternativa para unha comarca xa moi castigada”, criticou, tras sinalar que nas auxiliares comezaron os despedimentos e a propia ENDESA empezou a comunicar traslados a  outros centros da multinacional, a maioría fora de Galiza.

Encontro CE ENDESATras a reunión na que tamén participou o deputado no Congreso, Nestor  Rego, e o deputado de Ferrol, Ramón Fernández, Pontón manifestou o total apoio do BNG ás demandas dos traballadores nun momento en que están a ser ignorados tanto polo Goberno galego como polo do Estado. “Fai apenas uns meses, -coincidindo coas eleccións galegas-, asistimos a un desfile de ministras e de conselleiros prometendo unha solución de futuro, agora non se molestan nin en coller o teléfono e moito menos en recibilos”, recriminou.

A formación nacionalista considera que si hai alternativas para minimizar o impacto do peche da térmica e pon propostas sobre a mesa. En primeiro lugar, salvar unha parte da central e o correspondente emprego utilizando biocombustibles ao 100% para manter unha parte da actividade. En segundo lugar,  o peche da central supón deixar libres 1.400 MW que son propiedade da empresa estatal Rede Eléctrica Española, fundamentais para o sector eólico. A proposta do BNG é que a adxudicación da capacidade de evacuación destes miles de megavatios teña como condición xerar novos postos de traballo.

En terceiro lugar, As Pontes ten que beneficiarse dunha transición enerxética xusta,  con recursos públicos que deben nutrirse de tres vías: fondo de descarbonización, orzamentos de Galiza de 2021 e fondo europeo de reconstrución, o denominado Next Generation, que ten entre as actuacións financiables as enerxías renovables

Os recursos obtidos por estas tres vías deben enfocarse á redindustrialización das Pontes e do conxunto da comarca de Ferrolterra, explicou Pontón, “o que non se pode permitir e que Galiza siga perdendo, día a día, industrias estratéxicas nun proceso de desertización que é urxente reverter porque non podemos concibir un país con futuro sen un sector industrial potente xerador de riqueza e de emprego”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG