BNG denuncia a precariedade na que traballa o Servizo de Gardacostas de Galiza, cun 30 % das súas prazas sen cubrir
A portavoz de Pesca do BNG no Parlamento, Rosana Pérez, denunciou as condicións de precariedade nas que o PP na Xunta mantén o Servizo de Gardacostas de Galiza, que está a funcionar cun 30 % das súas prazas sen cubrir, o que compromete –advertiu– as súas labores de vixilancia e salvamento marítimo, ademais da loita contra o furtivismo “nun momento tan delicado para as rías e para o sector pola perda de produtividade”.
“Moita foto, moita nota de prensa e moita propaganda da Consellería sobre o Servizo de Gardacostas, que é esencial e debería reforzarse, cando a realidade é que temos un dispositivo totalmente infradotado e con graves problemas que a Xunta leva anos sen atender”, advertiu a deputada nacionalista.
Segundo explicou, hai case corenta as prazas sen cubrir desde hai seis meses, unha “falta de persoal clamorosa” que “provoca que existan bases que non poden estar totalmente operativas ou servizos que directamente non se poden prestar porque a existencia de dotacións incompletas leva á paralización de embarcacións e, polo tanto, de servizos”.
Tal e como explicou ao longo da súa intervención Rosana Pérez, como consecuencia do concurso de traslados de xullo de 2025, “persoas que ocupaban postos de vixiantes, mecánicos ou patróns pasan a ser xefes de base, subinspectores... e as súas prazas, malia que hai xente na lista de interinos para cubrilas, non se cobren”. Ademais, engadiu, tampouco se cobren as xubilacións”.
Desde decembro de 2025, afondou, o número de postos sen ocupar segue medrando porque “polo camiño houbo xente que se xubilou ou outras que remataron o prazo de tres anos de interinidade que dita como tope a normativa”.
Rosana Pérez criticou por iso a falta de planificación da Consellería, que sabe cando se van a producir xubilacións e tamén ata cando poden manter as prazas de interinos, e acusou os responsables de Mar de “facer a vista gorda” malia causar a falta de prazas que bases como a de Celeiro e Muxían estivesen paradas.
“Aquí non poden utilizar a mesma escusa que na sanidade e non nos poden dicir que non hai persoal, porque para axentes vixiantes hai unha lista de agarda de case cen persoas”, apuntou a portavoz nacionalista de Pesca na réplica á secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, a quen pediu explicacións pola falta de previsión, sobre todo, nos postos de vixiantes, con máis de vinte prazas sen cubrir.
“A información que ten o BNG e que só se van a cubrir seis e se iso é así seguirá habendo servizos que non funcionen, porque sería ilegal que saísen as tripulacións ao mar incompletas”, advertiu.