BNG denuncia a pasividade do PP ante a ameaza da Dermatose Nodular e reclama prevención real para o sector gandeiro
Ariadna Fernández exixe vacinación gratuíta e xeral, indemnizacións actualizadas e campañas informativas efectivas ante o risco inminente da chegada da enfermidade a Galiza
No debate parlamentario sobre a proposta de prevención e control da Dermatose Nodular Contaxiosa presentada polo BNG, a deputada Ariadna Fernández criticou a actitude “bipolar” do PP e á falta de medidas proactivas da Consellería de Medio Rural. A iniciativa, que contou cos votos en contra do PP, buscaba establecer accións urxentes ante a ameaza sanitaria que se xestou no Estado español, con case vinte focos detectados, o último en Cataluña.
A proposición non de lei presentada polo BNG alerta do alto risco que supón a Dermatose Nodular Contaxiosa para a gandería galega, tanto de leite como de carne, recordando a vulnerabilidade mostrada en crises anteriores como a da lingua azul ou a EHE. A enfermidade, de alta contaxiosidade e con posible morbilidade do 45%, implicaría baleiros sanitarios, inmobilización de explotacións e perdas económicas devastadoras nun sector que move uns 3.000 millóns de euros anuais.
“Precisamos que se informe, que se actúe e que se restableza”, insistiu Fernández, quen acusou ao Goberno galego de esperar “a que chegue a desgraza e despois botar as mans á cabeza”. A deputada alertou de que Galiza segue “no paleolítico” na xestión de enfermidades de orixe animal, e apelou á responsabilidade: “O que se debera facer é básico. Se non teñen a idea, polo menos collan da da oposición ou voten a favor dela”.
O BNG mostra así a súa preocupación pola falta de prevención e esixe accións contundentes para protexer un sector estratéxico e xa moi castigado.