BNG denuncia a "pasividade" da Xunta ante os arrastres dos montes queimados en Valdeorras e exixe un plan urxente de restauración
Secundino Fernández advirte de que as choivas están a provocar contaminación da auga e inundacións no casco urbano da Rúa pola falta de medidas preventivas tralo incendio de 2025
O BNG exixe un plan urxente de restauración dos montes de Valdeorras ante os arrastres da auga que a Xunta "non quere resolver"
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, denunciou a "nula resposta" e a "desidia" do Goberno de Rueda ante as graves consecuencias do incendio que arrasou 40.000 hectáreas na comarca de Valdeorras o pasado 14 de agosto de 2025, e que cualificou como o "máis grande da historia de Galiza". Fernández subliñou que, pasados case once meses, os montes queimados seguen sen restauración hidrolóxico-forestal, o que está a provocar "arrastres brutais" coas choivas que afectan gravemente a núcleos urbanos e ao abastecemento de auga potable.
O deputado nacionalista puxo o foco no concello da Rúa, onde arderon 2.900 hectáreas —máis do 80% da súa superficie— e onde a veciñanza sofre restricións periódicas no subministro de auga desde o pasado 22 de outubro debido á contaminación por cinzas e lodo, ademais de inundacións en vivendas e vías públicas. Fernández mostrou imaxes da desfeita causada polas riadas dos días 13 e 14 de xuño, con fincas anegadas, baixos cheos de auga e barro, e danos na rede de sumidoiros, e culpou á Xunta de "non adoptar ningunha medida preventiva" nin de executar o plan de restauración que o BNG presentou no Parlamento e que o PP rexeitou.
O deputado censurou especialmente a "actitude miserábel" do Goberno de Rueda durante o incendio, ao negarse a colaborar na extinción do lume no vertedoiro da Rúa, e criticou a reunión do pasado 29 de xuño cos alcaldes na que non participou ningún responsable da Consellería de Medio Rural. "Pretenden trasladar a responsabilidade aos concellos, cando o Estatuto de Autonomía outorga á Xunta a competencia exclusiva en montes", afirmou Fernández, quen exixiu respostas concretas sobre as medidas adoptadas para previr a erosión, garantir a auga potable e indemnizar os afectados, e concluíu que a Xunta "está a castigar a Valdeorras cunha actitude rancorosa e miserable que dá noxo".
O BNG insta a Xunta a pasar das palabras aos feitos e a poñer en marcha de maneira inmediata un plan de restauración hidrolóxico-forestal que evite máis arrastres, inundacións e cortes de auga. Mentres o goberno de Rueda se parapeta na inacción, os veciños e veciñas de Valdeorras seguen sufrindo as consecuencias dunha catástrofe que, para a Xunta, parece que nunca aconteceu.