parlamento galego

BNG denuncia a “merma inxustificable” de especialistas en pedagoxía terapéutica no CPI Marqués do Pazo da Mercé

Cristina Fernández

Cristina Fernández Davila alerta de que unha nena con necesidades específicas leva seis meses sen a atención individualizada que precisa, mentres a Consellería de Educación “non dá resposta” e deixa os centros “desbordados

O BNG denuncia que as probas de diagnóstico “non fan máis que aumentar o traballo do profesorado” sen repercutir nunha mellora educativa

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, denunciou na Comisión de Educación a situación crítica que atravesan moitos centros educativos galegos, facendo especial fincapé no CPI Marqués do Pazo da Mercé, nas Neves. A parlamentaria nacionalista denunciou que, a pesar de que o centro solicitou a principios de curso a substitución dunha praza de pedagoxía terapéutica vacante, a Dirección Territorial “non autorizou esta incorporación” e levan “seis meses de curso” cunha “merma importante” de efectivos.

“O curso pasado tiñan dúas prazas; este curso, cun PT preferente e o PT con praza estable, quedan só co preferente. É unha redución do 50% dos efectivos. Hai alumnado con diversidade que está quedando sen atender”, explicou Davila, quen puxo o exemplo dunha nena que, grazas á implicación do profesorado e da súa familia, recibe material para reforzar na casa, unha situación que cualificou como “nin é o idóneo nin é o normal”.

A deputada nacionalista criticou duramente a resposta da administración ante esta carencia: “O que lles dixeron é que se apañaran como puidesen co PT preferente”. Neste senso, subliñou que a falta de especialistas supón un “marrón importante” para a dirección dos centros, que ten que “dar a cara ás familias”, e provoca que sexa o propio profesorado quen teña que decidir “a que alumnado atende e a cal non”, ou ben “repartir as horas” cunha consecuente perda de calidade na atención.

Davila equiparou esta situación coa sanidade pública para demandar especialistas formados: “Un alumno con TEA, con TDAH ou con outras necesidades específicas necesita un especialista que os entenda, que os comprenda e que saiba os protocolos. Iso sería unha educación integradora e igualitaria, que non existe por moito que vostedes digan que si”.

 

Noutra orde, a parlamentaria do BNG vinculou esta falta de recursos coa publicación da resolución das probas de diagnóstico para o curso 2025-26. Denunciou que, lonxe de servir como ferramenta para mellorar a calidade e a equidade, como establece a lei, estas probas “non están a derivar nunha mellora educativa” nin nun reforzo de medidas como máis especialistas ou a redución de ratios. Pola contra, afirmou que supoñen “un aumento de traballo para o persoal docente” que “non só non facilita os recursos que se precisan, senón que provoca un problema e un maior incremento de tarefas e funcións”.

 

Finalmente, advertiu de que a falta de atención personalizada en idades crave deriva en “problemas emocionais e de conduta” para o alumnado, e xera unha situación de “desbordamento” para as familias, o profesorado e as direccións dos centros en todo o país.