BNG denuncia a inacción da Xunta na vaga de lumes e de ter contratos de prevención de incendios sen executar

Secundino Fernández
Secundino Fernández alertou de que a Consellería do Medio Rural deixa sen executar máis de 2 millóns de euros en traballos de xestión de biomasa en zonas de alto risco

O deputado e portavoz de Medio Rural do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, acusou á Xunta dun “grao de pasotismo e de inutilidade nunca vistos” na loita contra os incendios forestais. Fernández sinalou que, malia atopármonos no medio dunha vaga de lumes sen precedentes e con temperaturas extremas, a Consellería do Medio Rural non puxo en marcha os traballos de xestión de biomasa nas faixas secundarias de protección dos núcleos de poboación máis expostos.

Segundo figura na Plataforma de Contratos Públicos de Galiza, o pasado 20 de xuño publicouse a licitación dun contrato por lotes para a xestión de biomasa en faixas secundarias, cun importe estimado de 2.278.560 euros. Porén, a día de hoxe só foron adxudicados dous dos oito lotes, e o máis grave, segundo Fernández, é que “non se executou absolutamente nada deste contrato, cando estamos xa en pleno verán e coa crise incendiaria agravada pola emerxencia climática”.

O deputado nacionalista lembrou que esta situación se suma á falta de execución doutros programas de prevención: obras por valor de 3 millóns de euros e axudas de 5,4 millóns destinadas ás comunidades de montes veciñais, o que supón un total de 8,4 millóns de euros paralizados. “Estamos diante dunha estratexia de abandono que pon en perigo a vida das galegas e galegos que viven no rural”, denunciou.

Fernández responsabilizou directamente á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e a Rueda, de “xogar coa seguridade do país por pura incompetencia”. “A realidade é que temos unha Xunta que non actúa e que deixa á intemperie á nosa xente fronte á lacra dos incendios”, concluíu.