BNG denuncia a “falta de vontade” do PP para mellorar o transporte metropolitano de Santiago tras rexeitar unha iniciativa avalada por 2.400 sinaturas

Saleta Chao
A deputada Saleta Chao critica os problemas de conexión en dez concellos e esixe á Xunta que avalíe e reformule unhas rutas que, afirma, “deixan xente tirada nas paradas”

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao, lamentou este xoves que o PP votase en contra dunha proposición non de lei para mellorar a eficacia do transporte público na área metropolitana de Santiago de Compostela, unha iniciativa que, segundo sinalou, estaba avalada por máis de 2.400 sinaturas rexistradas no Parlamento. Chao cualificou a demanda de “xusta, básica e elemental”, e salientou que os problemas detectados nos concellos que rodean a capital galega se repiten noutras comarcas do país.

A nacionalista detallou as carencias que, ao seu xuízo, afectan a municipios como Ames, Trazo, Oroso, Rois, Padrón, Santa Comba, Vedra, Brión, Negreira ou Ordes, onde os autobuses teñen horarios reducidos en períodos non lectivos, sofren atrasos constantes ou quedan saturados. Puxo como exemplo o concello de Trazo, onde no verán unha liña tarda unha hora e dez minutos en percorrer 21 quilómetros, ou o de Vedra, onde o alumnado debe agardar 45 minutos pola mañá e ata as catro da tarde para volver a casa, o que obriga ás familias a recorrer ao coche particular. Tamén denunciou a situación en Padrón, que conta con tres estacións de autobús sen conexión entre si e cinco polígonos industriais illados, e en Ames e Brión, onde as rutas están “profundamente saturadas”.

“O que pide a iniciativa é que se estude e se avalíe o que está a acontecer con estes casos concretos”, subliñou Chao, quen engadiu que a proposta buscaba un redeseño das rutas, garantir cobertura en horas chave e fomentar a intermodalidade. Na súa réplica aos populares, a deputada rexeitou as críticas sobre a colaboración cos concellos e contraatacou ao PP lembrando os problemas de licitación no Consorcio de Transportes de Santiago durante os gobernos populares e citando casos como a colocación dunha parada en Portanxil, en Ames, “á que o autobús non pode acceder porque atravesaría unha liña continua”. Chao concluíu que o PP “non ten capacidade nin altura de miras para apostar por un transporte público que sexa unha alternativa real ao vehículo privado” e reprochou que o seu voto en contra evidencia “unha falta de vontade” por revisar a situación.