BNG denuncia a falta de profesorado de apoio no CEIP Tarrío de Culleredo e acusa ao PP de “negarse a atender as demandas xustas da comunidade educativa”
No debate parlamentario sobre a proposición non de lei presentada pola deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, relativa á dotación docente e á atención educativa no CEIP Tarrío de Culleredo, a parlamentaria fixo públicas as demandas que a ANPA do centro leva meses reclamando ante a falta de recursos.
Entre as necesidades urxentes, a comunidade educativa solicita a contratación dun mestre para Educación Infantil que cubra as horas que unha docente dedica agora a funcións directivas, así como un especialista adicional en pedagoxía terapéutica para atender adecuadamente ao alumnado con necesidades especiais. Do mesmo xeito, reclaman a creación dunha cuarta unidade de 4º de Educación Primaria, unha medida necesaria dada a elevada rateo actual e que xa fora solicitada no curso anterior.
“O Goberno galego presume de que atende a todas as persoas, sobre todo ás que máis o precisan, pero o que estamos a ver é precisamente o contrario”, sinalou.
A deputada do BNG destacou que estas mobilizacións parten das propias ANPAs, non dos partidos, e recordou que o CEIP Tarrío xa convocou dúas protestas pacíficas –a última, o 9 de decembro–, ás que asistiu incluso un concelleiro do PP de Culleredo. “Se para o PP acudir a manifestacións familiares e pacíficas é confrontación, que llo expliquen ao seu concelleiro, que estaba alí no medio da xente”, afirmou.
Taibo advertiu de que, alén das rateos legais, hai dereitos do alumnado que non se están a garantir. “Cando un neno ou nena ten informes médicos, psicolóxicos ou de orientación, non basta con cumprir números; é preciso atender esas necesidades para evitar consecuencias no seu futuro”, subliñou.
A iniciativa foi finalmente rexeitada polo PP, quen votou en contra das medidas propostas. O BNG anunciou que seguirá trasladando as demandas das comunidades educativas ao Parlamento e exixiu á Xunta que se reúna coa ANPA do CEIP Tarrío e responda de forma directa ás súas reivindicacións.