parlamento europeo

BNG denuncia na Eurocámara os prexuízos para Galiza dos 40 anos na Unión Europea

Ana Miranda
Ana Miranda salienta que o Parlamento Europeo traslade ao Tribunal de Xustiza Europeo o acordo UE-Mercosur: “Hoxe gañamos algo moi importante”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salienta na Eurocámara o impacto negativo sobre Galiza da decisións tomadas na Unión Europea, non só nos sectores produtivos senón tamén polos recortes e o “mal uso de moitos dos fondos europeos precisamente porque quen goberna en Europa é do mesmo partido que quen goberna en Galiza”. Ademais destaca a vitoria que supón a aprobación da resolución que pide que o Parlamento Europeo traslade o acordo da UE-Mercosur ao Tribunal de Xustiza Europeo.

“Dende o BNG facemos unha crítica profunda da nosa presenza na Unión Europea e o que significaron estes 40 anos”, salienta a eurodeputada galega, para quen son “40 anos de recortes, 40 anos de redución da nosa frota, de redución do noso agro, un programa totalmente calculado para a destrución dos nosos sectores produtivos”, polo que, xunto a outras forzas republicanas, non participou nos actos conmemorativos que organizou a Eurocámara ao respecto.

Ao seu xuízo, as regulacións europeas teñen como consecuencia a destrución de posto de emprego, tal e como se pode comprobar nos datos de redución de número de barcos e de explotacións agrarias, que “son evidentes”, posto que “a nosa presenza na Unión Europea foi vendida por un estado que negociou mal por nós”. Neste contexto, Miranda fai referencia ao acordo entre a Unión Europea e o Mercosur, tan negativo para o sector agrogandeiro galego.

Longa batalla

Precisamente hoxe o Parlamento Europeo aprobou (con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións) trasladar este acordo ao Tribunal de Xustiza Europeo para que ditamine se é compatible cos tratados europeos. Para o BNG este acordo foi xestionado de forma non democrática en tanto que tanto a Comisión Europea como o Consello saltaron todos os principios de cooperación entre institucións para aprobar un acordo pola porta de atrás.

“Gañamos esta primeira batalla no Parlamento Europeo. Somos a voz galega en Europa, a voz dos nosos gandeiros, gandeiras, a voz dos nosos agros”, subliña Miranda. Ao respecto salienta a importancia de ver se o acordo UE-Mercosur, “que se fixo de costas ao noso pobo, de costas ao noso sector agro-gandeiro, e tamén de costas a este Parlamento Europeo, é compatible cos tratados europeos e, polo tanto, non se fixo de forma ilegal, que é o que está cuestionando tamén esa petición ao Tribunal de Xustiza Europeo”.

Segundo explica a eurodeputada do BNG, por un lado, o acordo marco quedará en suspenso mentres non decida o Tribunal. E, en segundo lugar, podería acontecer que a parte do acordo comercial, “que foi feita tamén de costas ao Parlamento Europeo, polo Consello e pola Comisión, poida ser aplicado”.

“É unha batalla política moi grande, na que temos o orgullo de ter defendido o noso sector agro-gandeiro a nosa terra, como a voz galega en Europa. E non todo mundo pode dicir o mesmo”, subliña Ana Miranda. “Seguimos con esa loita nas rúas, con esa loita nos parlamentos, seguimos para denunciar este acordo que é tan prexudicial para Galiza”, conclúe a eurodeputada galega.