Parlamento Europeo

BNG denuncia na Eurocámara a incompetencia do goberno galego do PP na xestión da vaga de lumes

Ana Miranda
Ana Miranda: “O pobo galego soubo a verdadeira magnitude da traxedia a través do sistema Copernicus, porque o goberno de Galiza ocultou os datos reais”

No debate do pleno do Parlamento Europeo sobre os incendios en Europa, a eurodeputada do BNG denunciou a incompetencia do goberno galego na xestión dos lumes que se produciron neste verán en Galiza, tanto respecto á ocultación de superficie queimada como no tocante á prevención, ao malgastar os fondos europeos, “que, en lugar de destinarse á política preventiva, non se gastaron”.

“Como eurodeputada galega, teño a responsabilidade de denunciar a soidade que sufriu Galiza, o meu país, nestes terribles incendios de lume devastador. Casas queimadas, animais mortos, árbores e terras agrarias convertidas en cinzas, vidas destruídas”, manifestou Ana Miranda, quen trasladou desde a Eurocámara o recoñecemento “ao traballo incansable de bombeiros, veciñanza e xente solidaria” para apagar os lumes que devastaron boa parte de Galiza.

En concreto, a eurodeputada do BNG explicou que segundo o Copernicus (o Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea), arderon en Galiza 145.000 hectáreas, “o tamaño de Londres”, sinalou, ao tempo que indicou que a provincia de Ourense ten queimada o 10 % da súa superficie. Ao respecto criticou que á información facilitada polo goberno galego, xa que “o pobo galego soubo a verdadeira magnitude da traxedia a través de Copernicus, porque o goberno de Galiza ocultou os datos reais”.

Responsable: Alfonso Rueda

“Toda Europa debe saber que hai un responsable: Alfonso Rueda Valenzuela, presidente do goberno de Galicia”, subliñou Ana Miranda no debate, no que recalcou que o goberno do Partido Popular “volveu demostrar a súa incompetencia”, xa que ocultaron a realidade e mentiron. “O goberno do PP minimizou a traxedia dun país en chamas dicindo que só ardían pedras e silvas”, denunciou en referencia ás declaracións do presidente galego.

Fronte os lumes, que destrúen o modo de vida das comunidades rurais e a biodiversidade, e fronte a redución dos fondos para prevención, a eurodeputada galega salientou que son necesarias “medidas urxentes”, como o uso do instrumento RESTORE, que podería financiar a reconstrución das infraestruturas afectadas. Ademais, fronte ás intervencións dos representantes do PP na defensa do goberno galego, Miranda salientou que o propio Tribunal de Contas Europeo destacou a existencia de problemas na xestión dos fondos da UE destinados á prevención e a restauración de áreas afectadas polos lumes. “Como queremos no Bloque, debemos pasar das cinzas á vida cun plan para o futuro das zonas rurais”, concluíu.

O intenso traballo desenvolvido por Ana Miranda para que este debate sobre a vaga de lumes sexa incluído na sesión plenaria da Eurocámara enmárcase nas distintas iniciativas desenvolvidas pola eurodeputada galega nas institucións europeas, entre as que figura o envío de sendas cartas ao Comisario de Agricultura, Christophe Hansen, e á Comisaria de Igualdade, Prontitude e Xestión de Crises, Hadja Lahbib, para denunciar a situación e solicitarlles que realicen unha visita as zonas máis afectadas polos incendios. Ademais, xa na sesión plenaria do mes de xullo advertira do alto risco de lumes que cada ano sufre Galiza.