BNG denuncia a discriminación por orixe dos estudantes de FP que carecen dunha alternativa de transporte público
Paulo Ríos advirte que a valoración que fan os centros de ensino do servizo compartido é cada vez peor, pola falta de prazas ou os horarios
O portavoz de Transportes do BNG no Parlamento, Paulo Ríos, denunciou este venres na Comisión 2ª a “discriminación por orixe” dos estudantes de Formación Profesional, especialmente do rural e das vilas pequenas do País, que non teñen alternativa no transporte público para desprazarse aos seus centros de ensino.
Nunha pregunta á directora xeral de Mobilidade, o deputado nacionalista reclamou ao Goberno do PP medidas para atender ás necesidades deste colectivo que, dixo, a miúdo ten que recorrer ao transporte privado ou, incluso, ve frustrado o seu dereito á educación pública por falta dunha alternativa de mobilidade.
Un colectivo que, denunciou, vese prexudicado tamén polo “cada vez peor” funcionamento do transporte compartido, un servizo posto en marcha co Plan de Transporte para dar servizo ao alumnado dos centros de ensino obrigatorio do País ao que tamén pode acceder público xeral de xeito regular.
Segundo expuxo Ríos Santomé, a última memoria anual do Plan de Transporte de Galiza reflicte un empeoramento na valoración que fan os centros de ensino deste servizo, aumentando á súa vez as incidencias e as queixas por falta de prazas e irregularidades como o incumprimento de horarios ou retrasos.
“No último curso analizado, as incidencias aumentaron dun 16,7% a un 34,4%”, apuntou, para referirse a continuación a “sancións que coñecemos polas prensa de cuestións tan graves como nenos viaxando de pé nos autobuses ou sen cinto de seguridade homologado”.
O deputado do BNG queixouse da falta de transparencia do Goberno do PP que, tres meses despois dun acordo plenario aprobado por unanimidade, aínda non remitiu ao BNG toda a información requirida polo artigo 9 do Regulamento do Parlamento, sobre o Plan de Transportes, tanto sobre contratos como expedientes ou sancións impostas as empresas que non cumpre axeitadamente o servizo.