BNG denuncia a discriminación educativa no rural e exixe que a Xunta asuma os custes das probas PAU fóra dos campus
Óscar Insua reclamou no Parlamento unha solución urxente para Cee, A Rúa e Viveiro mentres o PP se pon de perfil e vota en contra de axudalos.
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Óscar Insua, denunciou na Comisión 4ª, Educación e Cultura, a situación de discriminación que sofren os concellos de Cee, A Rúa e Viveiro, que veñen asumindo cos seus propios recursos os custes das probas PAU ao realizarse fóra dos campus universitarios. A proposta presentada polo BNG insta a Xunta a asumir estes gastos como parte das súas competencias en materia educativa, ben mediante axudas directas ou outros mecanismos, evitando así que sexan os concellos rurais quen paguen por un servizo que non lles corresponde.
“O que estamos vendo é unha mostra máis do abandono ao rural por parte da Xunta”, afirmou Insua, quen destacou que “os concellos están asumindo un gasto crecente, que supera os 21.000 euros anuais, para garantir que o alumnado poida facer os exames preto das súas casas, sen ter que desprazarse ás cidades con todos os custos que iso supón”.
O deputado nacionalista subliñou que a descentralización das probas PAU é unha medida de equidade e xustiza social, e criticou que a Xunta non só non apoie financeiramente esta medida, senón que tampouco teña previsto compensar os concellos afectados, malia existir marcos legais como a Lei de impulso demográfico que recoñece a necesidade de apoiar ás administracións locais na prestación de servizos en territorios despoboados. A discriminación queda patente na medida en que aos concellos das cidades non se lles exixe asinar ningún convenio de financiamento, namentres que a estes tres concellos periféricos si, “a rapazada do rural sempre lles custa máis acceder aos mesmos servizos que aos das cidades, e o Partido Popular, consinte e aproba”
A pesar de que a proposta foi debatida, o Partido Popular anunciou o seu voto en contra, o que segundo Insua “confirma que o PP segue de costas á realidade do país rural e prioriza a propaganda sobre as solucións reais ás desigualdades territoriais”.
Desde o BNG reiteran o seu compromiso coa igualdade de acceso ao ensino superior e continuarán traballando para que as probas PAU se celebren en condicións dignas e xustas para todo o alumnado, viva onde viva.