BNG denuncia a desviación orzamentaria e o retraso de 2 anos nas obras do campo de fútbol de Mirallos en Moraña

Luís Bará
Luís Bará criticou a demora de dous anos e demandou que se puxese canto antes unha data de inicio e finalización dos traballos

O BNG demandou hoxe no Parlamento unha data de inicio para as obras do campo de fútbol de Mirallos, no concello de Moraña, que xa acumula dous anos de retraso e unha desviación do orzamento de 67.246 euros.

O deputado por Pontevedra criticou o notable retraso dunhas obras anunciadas no 2019 polo Goberno do PP e o concello de Moraña. Traballos que deberan ter finalizado no verán do 2020, mais a empresa adxudicataria, Sixteca 2016, adiou ata un novo aviso no 2021, onde unha nova adxudicataria, Obras Gallaecia, anunciou que estarían rematadas no primeiro semestre de 2022 e incrementou o presuposto de 451.319 euros a 518.565. Empresa esta última que xa ten un historial de obras paralizadas e mesmo de renuncia a obras adxudicadas.

En febreiro deste ano o goberno local anunciou unha nova paralización das obras até decembro. O deputado nacionalista fixo referencia ao grande malestar da cidadanía da vila e citou incluso as queixas do propio presidente do Club de Fútbol de Moraña, Germán Rúa, que declarou nos medios o prexuízo que supón ter o campo de Mirallos nun estado de abandono

O deputado do Bloque tamén acusou ao goberno do PP de usar o Plan Hurbe para favorecer aos concellos gobernados polos populares, incluíndo neste plan investimentos que lles corresponde facer aos propios concellos.

Bará subliñou que a cidadanía de Moraña ten dereito a coñecer “canto antes” a data de comezo e finalización das obras, e emprazou ao Goberno da Xunta a dar garantías de que desta vez as obras concluirán en prazo.