Parlamento Galego

BNG denuncia o desmantelamento do Hospital de Valdeorras pola falta de medios para o diagnóstico do cancro de mama

Secundino Fernández

Secundino Fernández exixiu explicacións ao conselleiro de Sanidade polos atrasos de meses e anos en mamografías e ecografías, que obrigan a 15.000 mulleres a desprazarse ata Ourense

O BNG anunciou mobilizacións na comarca ante a falta de medios para o diagnóstico e prevención do cancro de mama

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, cuestionou durante a súa intervención no Parlamento galego ao conselleiro de Sanidade, na que expuxo a grave situación que vive o Hospital Comarcal de Valdeorras na realización de probas diagnósticas para o cancro de mama.

Fernández recordou que o hospital de Valdeorras está a 120 km de Ourense, unha viaxe de hora e media en coche particular, que se converte nunha xornada completa se se usa o transporte público. Esta é a realidade que enfrontan as mulleres derivadas a Ourense para facerse mamografías, ecografías ou TACs.

O deputado nacionalista detallou que o distrito sanitario de Valdeorras atende a 30.000 persoas de doce concellos, das cales máis de 15.000 son mulleres. Alertou de que Ourense é a segunda provincia con maior incidencia de cancro de mama de todo o Estado, con 266 casos detectados en 2024 e unha taxa de 168 casos por cada 100.000 habitantes, 23 puntos por encima da media estatal.

“Estas son cifras, conselleiro, pero detrás destas cifras hai mulleres que sofren esta grave enfermidade”, sinalou Fernández, quen subliñou a importancia crucial da detección temperá para salvar vidas. Por iso, cuestionou con dureza que a Consellería “está dicindo á cara a todas estas mulleres que collan o coche e que conduzan 3 horas para facerse unha ecografía”.

O deputado do BNG enumerou múltiples fallos do sistema: mamografías de vía rápida derivadas a Ourense ou convertidas en “preferentes”, ecografías solicitadas hai máis dun ano sen realizar, e pacientes citadas para xaneiro do 2025 que aínda non foron avisadas. Relatou o caso de mulleres ás que, tendo xa unha cita co oncólogo, aínda non lles realizaron as probas previas, ou de outras que, tras ser operadas, atopan continuos atrasos nos seus controis anuais.

Perante esta situación, Secundino Fernández acusou o conselleiro de amosar “excusas, excusas e máis excusas cando manexa 5.600 millóns de euros” e cualificou de “inútil” a inacción política ante a incapacidade de contratar especialistas.

Finalmente, o deputado anunciou de xeito contundente a resposta cidadá: “O próximo 22 de novembro todo Valdeorras vai saír á rúa a dicir alto e claro: non ao desmantelamento sanitario do hospital de Valdeorras”.