BNG denuncia a “desleixo total” da Xunta ante a planta de baterías de Pesqueiras

Iago Suárez co veciñas e veciños afectados
Iago Suárez cualifica de “ameaza enorme” o proxecto en Chantada e critica a falta de planificación por parte do goberno: “Non se pode poñer unha macroplanta de litio onde vive xente e aspirar a ser Patrimonio da Humanidade”

O deputado do Bloque Nacionalista Galego Iago Suárez puxo o foco na “grave ameaza” que supón para a parroquia de Pesqueiras, no concello de Chantada, a instalación dunha planta de acumulación de enerxía. Acompañado por máis dunha ducia de veciños e veciñas da zona, Suárez advertiu de que os proxectos GRX Belezar I e II —que cualificou de “fraccionamento ficticio”— non son máis que unha única macroplanta de 144 baterías de litio nunha hectárea, cunha potencia de case 49 megavatios.

O nacionalista criticou a ausencia dunha normativa específica en Galiza para este tipo de instalacións, denunciando que o goberno de Rueda “dá o visto bo a que se poñan onde queiran, como queiran e de calquera maneira”. Suárez reprochou ao director xeral de Planificación Enerxética, que a Consellería “non teña plan de incendios, non defina distancias de seguridade, non explique o uso da auga para refrixeración e nin sequera prevexa un plan de evacuación para a veciñanza”. Ademais, alertou do impacto visual e patrimonial sobre a igrexa de Santa María de Pesqueiras, “unha xoia do románico” situada na Ribeira Sacra, que aspira a ser Patrimonio da Humanidade. “Ou flauta ou gaita: non se pode pedir a declaración e ao mesmo tempo autorizar unha planta de litio bordeando ese territorio”, sentenciou.

Suárez acusou o Goberno de Rueda de converter Galiza “nunha terra de sacrificio” ao servizo das multinacionais, cun modelo “servil aos designios de Madrid”. “Galiza produce máis luz que ninguén, pero pagámola máis cara que en Madrid, que se declara zona libre de eólicos”, subliñou. Finalmente, o deputado do BNG retou o representante da Xunta a reunirse cos veciños de Pesqueiras para explicarlles “cara a cara cal é a opinión e o futuro que reserva a Xunta a esta parroquia”. “Vostede é un cargo político, non un simple técnico. Está en disposición de recibilos?”, preguntou.