BNG denuncia a "conivencia" da Xunta co proxecto da ponte do Malecón e exixe a súa paralización
O Bloque Nacionalista Galego exixiu este mércores á Xunta de Galiza que rectifique e paralice o proxecto de construción dunha nova ponte sobre o río Cabe ao seu paso polo Malecón de Monforte de Lemos, unha infraestrutura que cualifica de "inxustificable" e "demoledora" para a contorna natural e patrimonial da vila. O deputado nacionalista, Iago Suárez, salientou durante a súa intervención que a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura, evidencia a "conivencia" do PP cunha actuación que a veciñanza rexeita de fronte.
Suárez lembrou que o proxecto, impulsado polo Concello de Monforte e amparado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, prevé a substitución da actual pasarela peonil por unha estrutura metálica que introducirá tráfico rodado nun espazo natural. A nova infraestrutura, cun custo que superaría os 5 millóns de euros, contempla ramplas de ata tres metros de altura que, segundo o BNG, "alterarán completamente a marxe do río e fragmentarán o parque do Malecón" .
O deputado nacionalista sinalou que a escusa do alcalde, José Tomé, para promover esta obra é pechar o tráfico sobre a ponte vella, algo que, segundo demostrou a plataforma veciñal, se podería conseguir cunha pequena modificación dos sentidos do tráfico. Ademais, Suárez indicou que existen estudos que avalan que a circunvalación está infrautilizada e que circular por ela é un 20% máis rápido que atravesar o centro urbano.
A formación nacionalista xa rexistrou as reclamacións da veciñanza no Congreso a través do seu deputado Néstor Rego, quen alertou de que o propio proxecto recoñece afeccións ao dominio público hidráulico, incluíndo a ocupación da zona de servidume do río, o que podería vulnerar a normativa vixente da Lei de Augas . "Estamos ante un proxecto que non responde ás necesidades reais de mobilidade e que supón unha agresión innecesaria ao río Cabe e ao seu entorno", subliñou o BNG .
Suárez dirixiuse directamente ao director xeral de Patrimonio, a quen preguntou se a Xunta xa autorizou a obra e se, en caso afirmativo, pensa recuar. "O que non se pode facer é destruír o Malecón, pero con condicionantes. A cor da ponte non me importa. O que non quero é que se faga a ponte. O problema é de inicio", sentenciou.
O deputado do BNG criticou a dobre discurso do PP, que por un lado critica o alcalde de Monforte polas súas actuacións, pero por outro autoriza un proxecto que cualifica de "megalómano". Finalmente, Suárez fixo un chamamento á Xunta a que "utilice os instrumentos ao seu dispor para que isto non se faga" e a que non tome á veciñanza nin á plataforma "por parvos". "Nin ponte nin fonte", concluíu.